xoves 02/12/21

O gasto militar mundial medra 1,6 billóns de euros a pesar da Covid

Os Estados Unidos de América acaparan máis de 60% do gasto armamentístico mundial.
Misil nuclear intercontinental dos Estados Unidos de América (Foto: Europa Press)
Misil nuclear intercontinental dos Estados Unidos de América (Foto: Europa Press)

O gasto militar mundial volveu aumentar no último ano até alcanzar 1,981 billóns de dólares (uns 1,637 billóns de euros), nun 2020 marcado a nivel global pola pandemia do coronavirus e en que os Estados Unidos de América, China, India, Rusia e Reino Unido, os cinco Estados que encabezan a lista, acapararon máis de 60% dos investimentos armamentísticos.

Así figura nun informe elaborado polo Stockholm International Peace Research Institute, segundo o cal o gasto aumentou en 2,6% en comparación cos datos de 2019, o que contrasta coa redución do PIB mundial -o Fondo Monetario Internacional (FMI) proxectaba un retroceso de 4,4%.

Froito desta contradición, a proporción do gasto militar dentro do PIB incrementouse dúas décimas, até 2,4%, o que supón o maior aumento interanual desde a crise de 2009.

A tendencia alcista mantívose por terceiro ano consecutivo no principal investidor do mundo, os Estados Unidos, onde se elevou a 778.000 millóns de dólares o gasto militar (máis de 4%), representando catro de cada dez dólares investidos en todo o planeta.

A investigadora Alexandra Marksteiner atribuíu este incremento "principalmente ao forte investimento en investigación e desenvolvemento, e a algúns proxectos a longo prazo como a modernización do seu arsenal nuclear e a adquisición de armas a grande escala", froito na súa opinión da "preocupación crecente ante a percepción de ameaza de competidores estratéxicos como a China e Rusia".

En segundo lugar mantense precisamente a China, que medra por vixésimo sexto ano consecutivo e alcanza 252 millóns de dólares (208 millóns de euros): 1,9% máis que en 2019 e 57% máis que na década anterior. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A India ocupa o terceiro lugar da listaxe, con 72.900 millóns de dólares (60.200 millóns de euros), mentres que Rusia aumentou o investimento até os 61.700 millóns de dólares (case 51.000 millóns de euros) e no Reino Unido foi de 59.200 millóns de dólares (49.000 millóns de euros).

O Estado francés é o oitavo país con máis gasto a nivel mundial, que supera por primeira vez o limiar desde o ano 2009. No caso de España, o informe apunta que o gasto militar foi de 17.400 millóns de dólares (14.395 millóns de euros), mais o  informe do ano anterior sinalaba que se gastaran 24.234 millóns de dólares (20.050 millóns, en euros).

O gasto militar mundial medra 1,6 billóns de euros a pesar da Covid
comentarios