Calvo rexeita implicar o rei con Marrocos e di que non mudou a postura ao redor do Sáhara

A vicepresidenta primeira do Goberno español, Carmen Calvo, defendeu esta sexta feira que o obxectivo do Executivo agora é restituír a relación con Marrocos tras o que denominou "asalto" á fronteira en Ceuta, mais rexeitou que vaian implicar o rei para iso, ao tratarse dunha cuestión "política" que non se corresponde coas súas funcións.

Carmen Calvo durante a súa intervención no Congreso, entre Pedro Sánchez e Yolanda Díaz. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press)
photo_camera Carmen Calvo nunha intervención no Congreso. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press)

Calvo insistiu en que a de Ceuta “non foi unha crise migratoria”, mais eludiu comentar as palabras da ministra de Defensa, Margarita Robles, falando dunha "chantaxe" por parte de Marrocos, nunha entrevista con RTVE.

Ademais, xustificou a posición dos EUA de non dicir "absolutamente nada" sobre isto, por unha banda, porque a actitude que lle interesa ao Estado español, dixo, é principalmente a que toma a Unión Europea, e por outro, porque ademais supón un cambio respecto á postura do anterior presidente estadounidense, Donald Trump, que si entrou neste asunto recoñecendo a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara.

“En moi pouco prazo de tempo as cousas están practicamente restituíndose ao momento de partida", apuntou, para rexeitar que se trate dunha crise migratoria. "Desde todo o día de onte e antonte Marrocos volveu coller o control non só da fronteira en Ceuta senón tamén en Melilla", afirmou. "Marrocos está a facer agora o seu traballo", valorou Calvo, quen cualificou o ocorrido como un “asalto”.

Por outra banda, asegurou que o Goberno estatal non mudou a súa posición sobre o Sáhara, que segue “sendo a mesma que a que mantén a Organización de Nacións Unidas (ONU)”. Por iso, criticou que "non é fácil de entender" que Marrocos interpretase algo distinto polo feito de acoller por razóns "estritamente humanitarias" o líder da Fronte Polisario Brahim Ghali, para ser atendido de Covid-19.

"Cambiarían outros, pero se hai un, dous ou tres anos a nosa relación era fluía e boa, non entendemos que se nós non cambiamos nada, por que non se pode entender a posición española? Atendemos por razóns estritamente humanitarias, cousa que este país fai, sen máis transcendencia nin connotacións que esa, estritamente", apostilou.

Neste sentido, Calvo defendeu a decisión do Estado de acoller a Ghali, sobre todo é un "país soberano, igual que o é Marrocos". "As relacións de boa veciñanza consisten non só en ter fluídas comunicacións senón tamén en saber entender os momentos", afirmou, ao ser preguntade sobre se foi un erro non informar a Marrocos desta decisión.

Neste punto, Calvo sinalou que España tamén recibiu polos medios de comunicación noticias que lles pareceron "estrañas" por parte de Marrocos, pero souberon "ler os momentos". "Temos relación con outro país que nos importa para entender a posición xeopolítica de España e non entramos na política exterior de Marrocos. A nosa posición sobre Marrocos non cambiou en nada, por iso pensamos que restituiremos pronto unha relación boa para ambos", salientou.

Iso si, deixou claro que para lograr esta tarefa non van pedir a mediación do rei, moi próximo ao seu homólogo marroquí. "Ten marcadas as súas funcións constitucionais, o Goberno non implica o rei en cuestións políticas”, apuntou, “o rei ten a representación do noso país, simboliza a unidade do Estado español e nós somos un Goberno respectuoso de cales son as súas facultades", xustificou.

Comentarios