martes 26/10/21

Bolsonaro acumula 113 peticións de 'impeachment'

O Supremo Tribunal Federal do Brasil confirmou nas últimas horas a lexitimidade da apertura dunha comisión parlamentaria para determinar o papel do Goberno na xestión da pandemia da Covid-19. A investigación vén sumar presión ao presidente dun país onde o coronavirus se sente moi cómodo.
EuropaPress_3305048_07_september_2020_brazil_brasilia_brazilian_president_jair_bolsonaro_rides
Bolsonaro, no Dia da Independência, o 7 de setembro de 2020 (Marcelo Camargo / Agência Brasil)

"Apurar as ações e omissões do Governo federal no enfrentamento da pandemia da Covid-19 no Brasil e, em especial, no agravamento da crise sanitária no Amazonas com a ausência de oxigênio para os pacientes internados" nos primeiros meses de 2021.  Ese é o principal obxectivo da petición de apertura dunha Comissão Parlamentar de Inquérito (CPI) no Senado brasileiro, aprobada na terza feira e que foi ratificada pola xustiza brasileira nas últimas horas. 

O presidente da Cámara, Rodrigo Pacheco (Democratas, DEM, centrodereita liberal), obviou decretar a conformación da CPI a pesar da obtención hai dous meses do mínimo de apoios necesarios (máis dun terzo dos 81 senadores). Un xuíz obrigouno a semana pasada e agora o Supremo Tribunal Federal (STF) certificou a medida (por 10 votos a 1) en contra, informou a axencia pública de noticias, Agência Brasil

A petición de apertura foi presentada polo líder da oposición no Senado, Randolfe Rodrigues, da Rede Sustentabilidade (REDE, centroesquerda), e permitirá entre outras cousas determinar a responsabilidade do Goberno que preside Jair Bolsonaro no atraso na compra de vacinas e no uso de diñeiro público para a adquisición de medicamentos sen amparo científico, como a hidroxicloroquina. 

Tamén o colapso do sistema de saúde de Manaus, capital do Estado do Amazonas, onde pacientes internados faleceron por falta de osíxeno. Eduardo Pazuello, ex ministro Sanidade, xa está a ser investigado por este caso.

Escaparate electoral

O Goberno pretendeu, sen éxito, ampliar a CPI tamén a gobernadores e alcaldes para así disuadir os parlamentarios de apoiar a investigación, segundo explicou a Folha (non partidista). Porén, pouco antes do inicio da sesión da terza feira, a Secretaria-Geral da Mesa do Senado propináballe un novo golpe ao sinalar que o regulamento interno da Cámara alta impedía a investigación das actuacións de mandatarios rexionais ou municipais. 

Bolsonaro buscará agora unha elección de nomes que lle sexa favorábel. Serán once senadores e sete suplentes os que fagan parte da CPI, electos de forma proporcional ao tamaño dos grupos no Senado, onde o apoio ao Executivo é maioritario. 

Os medios brasileiros apuntan que é aquí onde pode manobrar o presidente, mais tamén sinalan que a CPI será un importante escaparate para os relatores propostos, nun momento crítico no país polo número de falecidos pola Covid. Por exemplo, o principal representante do bloque de Goberno é Ciro Nogueira, presidente de Progressistas, (PP, dereita), que aspira a ser elixido gobernador de Piauí nas eleccións de 2022. Actualmente, está á fronte deste Estado ─un dos que ten menores taxas de contaxio e de falecidos─ Wellington Dias, do Partido dos Trabalhadores, (PT, socialdemócrata).

"Quebra de decoro"

En todo caso, a CPI vén sumar presión política a Bolsonaro, que desde que asumiu o poder en 1 de xaneiro de 2019 acumula un total de 113 peticións de impeachment (xuízo político para a súa destitución), segundo a conta elaborada pola axencia brasileira Pública.

Dos 113 documentos remitidos ao presidente da Câmara dos Deputados, 63 son orixinais. Tan só seis foron arquivados ou desbotados por cuestións técnicas ou retirados polos relatores; en tanto que 107 está á espera de ser analizados. 

O tema máis recorrente é a pandemia, citada en polo menos 75 denuncias por cuestións referentes á divulgación de remedios sen eficacia científica probada ou aos chamamentos a incumprir o illamento e o distanciamento físicos.

A segunda cuestión aborda as supostas manifestacións antidemocráticas da primavera de 2020 en que Bolsonaro avogou polo fechamento do Congresso e pola intervención militar en Brasília. 

E o terceiro aspecto máis citado en base á normativa do impeachment é a "quebra de decoro", onde se subliña que as posturas do presidente son incompatíbeis co cargo que ocupa.

A polo 'impeachão'

Os autores son diversos: desde unha ampla coalición de partidos de esquerda, habitualmente enfrontados entre si, até centos de organizacións civís, líderes políticos e sociais. A última, múltiple, foi presentada hai dúas semanas por varias asociacións de estudantes de Dereito. Tamén hai un total de 40 presentadas por cidadáns anónimos, anoxados por que o presidente crebase as normas de distanciamento físico nas visitas ás súas cidades ou Estados. 

E ademais hai peticións de impeachment por parte de ex aliados de Bolsonaro, como a deputada Joice Hasselman (PSL), que a presentou tras coñecerse que o presidente presionara a Policía federal para coñecer datos sobre investigacións en curso contra el e os fillos del. "A direita precisa fazer o seu mea culpa, eu já fiz o meu", dixo Hasselman na altura.

Jean-Paul Prates, senador do PT, manifestou en declaracións a Mídia Ninja que o obxectivo a partir de agora é amorear os casos novos e pedir un grande impeachment, "um impeachão". 

"Fukushima biolóxico" e "catástrofe humanitaria"

O Brasil, onde en cidades como Río as mortes xa superan os nacementos, superou de novo nas últimas 24 horas as 3.000 mortes por Covid (3.459) e xa acumula máis de 360.000.

O virus expándese sen freo e a situación é tal que esta quinta feira 16 de abril, Médicos sen Fronteiras cualificouna de "catástrofe humanitaria". O seu presidente internacional, Christos Christou, dixo que a "falla de vontade política" está a custar a vida de miles de persoas no segundo país con máis mortes por Covid tras os EUA. Porén, a tendencia no país norteamericano é decrecente e no brasileiro, á alza.

A ONG lembrou que tan só a semana pasada, o Brasil rexistrou 11% das novas infeccións e 26% das mortes notificadas en todo o planeta.

"É un reactor nuclear que desencadeou unha reacción en cadea e está fóra de control. É un Fukushima biolóxico", advertiu Miguel Nicolelis, médico brasileiro e profesor da Universidade de Duke.

comentarios