Boicot e lea no Festival de Sydney pola doazón económica de Israel

Artistas critican que se "branquee un Estado opresor".
sydney_festival
photo_camera O Festival de Sidney, un dos máis importantes eventos culturais en Australia, desenvólvese até o 30 de xaneiro. (Foto: Festival de Sydney)

Unha trintena de actuacións previstas para o Festival de Sidney, un dos máis importantes eventos culturais en Australia, foron canceladas a petición dos propios artistas, argumentando que o feito de aceptar financiamento por parte da embaixada de Israel é unha forma de apoio a un "Estado opresor" e de ignorar o sufrimento palestino.   

Entre as funcións canceladas está a obra de teatro Seven methods of killing Kylie Jenner, segundo informou a revista especializada Variety. A súa produtora, Green Door, sinalou nun comunicado que "dado que o Festival de Sydney buscou e aceptou financiamento da embaixada de Israel, Seven methods of killing Kylie Jenner non ten outra opción que retirarse e boicotear o festival. Non seremos forzados a sermos cómplices". A obra será representada, engadiu, fóra do festival.

A polémica xurdiu despois de que a organización do evento, que deu comezo a semana pasada e se estenderá até o 30 de xaneiro, aceptase unha doazón de 20.000 dólares australianos (12.640 euros) da embaixada israelí en apoio do espectáculo Decadance, baseado no traballo do coreógrafo israelí Ohad Naharin, a compañía de danza Batsheva de Tel Aviv e a compañía de danza de Sydney. Esta doazón valeulle a Israel o recoñecemento de socio patrocinador preferente. 

Outros dos artistas que decidiron secundar o boicot foron os cómicos Tom Ballard e Nazeem Hussain, a banda local Tropical Fuck Storm, a compañía de teatro e danza indíxena Marrugeku, a plataforma de poesía Bankstown Poetry Slam e a presentadora de radio e TV Yumi Stynes.

Contra-comunicado

Mais a protesta tamén recibiu críticas por parte doutros artistas presentes no Festival de Sydney, que tamén emitiron un comunicado sinalando que o boicot era "un agravio tanto para os palestinos como para os israelís que están a traballar para que a paz avance a través do compromiso, o intercambio e o recoñecemento mutuo. Entre os asinantes están Gene Simmons, líder da banda Kiss, ou a cineasta Nancy Spielberg (irmá do tamén director Steven Spielberg). 

Porén, en declaracións á ABC, á TV pública australiana, Fahad Ali, portavoz do Movemento pola Xustiza en Palestina, unha ONG australiana afirmou que "branquear as violacións dos dereitos humanos a través da arte" era "inaceptábel".

Por último, desde a organización do festival emitiron un comunicado asegurando que o espectáculo seguiría, mais que se van "revisar as prácticas en relación ao financiamento por parte de Gobernos estranxeiros".

Comentarios