O BCE alerta de que as sancións contra Rusia poden elevar o prezo do diésel

Admite que o impacto das medidas contra o petróleo ruso foi limitado.
O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera "O embargo pode agregar presións adicionais sobre os prezos nun mercado de diésel europeo xa axustado", alerta. (Foto: Nós Diario)

"As subministracións de petróleo ruso resistiron o embargo imposto pola Unión Europea e o tope de prezo fixado polo G7, o que limita o efecto das sancións no prezo mundial do petróleo", recoñeceu esta segunda feira o Banco Central Europeo (BCE), que debullou que malia a redución das exportacións rusas de petróleo por mar despois da introdución das medidas coercitivas "os volumes recuperáronse desde aquela".

Aínda que os volumes de exportación por vía marítima de Rusia mantivéronse segundo as cifras coas que conta, o organismo apuntou que unha cantidade significativa deste petróleo foi cargado en buques con destinos non revelados, e salientou que antes da entrada en vigor das sancións Moscova xa redistribuíra os seus envíos, coa China e a India recibindo 70% das exportacións de petróleo rusas, 50 puntos porcentuais máis que o que adquirían antes da invasión de Ucraína.

O documento non descarta que no futuro as sancións e o tope de prezos acaben por incidir nas exportacións rusas e os mercados petroleiros, mais alerta de que "o embargo pode agregar presións adicionais sobre os prezos nun mercado de diésel europeo xa axustado".

Armas nucleares tácticas

Con respecto ao anuncio de que Rusia emprazará armas nucleares tácticas en Belarús, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, recalcou que a medida non viola os acordos sobre armas atómicas e que non é "nada inusual", sinalando que Washington "hai tempo que colocou as súas armas nucleares tácticas no territorio dos seus aliados", como Bélxica, Alemaña, Italia, os Países Baixos ou Turquía.

Arredor desta cuestión, os Estados Unidos ratificaron que non contan con indicios de que Rusia trasladara armas nucleares polo de agora a Minsk.

Comentarios