As bandas, perto de facerse co control do principal porto e aeroporto de Haití

A ONU alerta de que o sistema sanitario está a piques de colapsar
Persoas desprazadas pola violencia en Porto Príncipe. (Foto: Herold Joseph / Unicef)
photo_camera Persoas desprazadas pola violencia en Porto Príncipe. (Foto: Herold Joseph / Unicef)

Arredor dunha ducia de comisarías de Policía foron queimadas desde o comezo a semana pasada dunha ofensiva de grupos criminais para forzar a renuncia do primeiro ministro de Haití, Ariel Henry, no marco da que “un porto internacional, a sede da Autoridade Portuaria Nacional e un aeroporto internacional están a punto de caer baixo o control das bandas armadas”, salientou a sexta feira o xornal Le Nouvelliste.

A pesar da extensión un mes do estado de emerxencia no departamento do Oeste, no que se localiza a capital, Porto Príncipe, as autoridades aínda están lonxe de recuperar o control da urbe, na que 80% do territorio xa estaba en mans dos grupos criminais.

A falta de medicamentos, sumada aos saqueos de centros médicos, levou o sistema sanitario ao bordo do colapso, denunciou a Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios.

Henry fica só

Pola súa parte, Henry continúa en Porto Rico despois de non poder aterrar no país pola revolta, e os partidos de oposición negáronse a continuar coas conversas co Goberno mediadas pola Comunidade do Caribe até que renuncie, sinala o portal The Haitian Times.

En paralelo, Jean-Charles Moïse, líder do progresista Pitit Dessalines, trasladou que 50 formacións asinaron a súa proposta para que un Consello Presidencial substitúa Henry e dirixa o país até un proceso electoral.

Responsabilidade estadounidenses

O ex embaixador estadounidense en Haití, James Foley, detallou que a situación “é froito das decisións que tomamos” tras o apoio fechado a Henry. O certo é que “os Estados Unidos teñen gran parte da culpa dos males do país”, recoñeceu a axencia AP.

Comentarios