Unha sublevación, a piques de acabar co Goberno de Henry en Haití

Washington retira o apoio ao primeiro ministro e ínstao a dimitir e aceptar un novo Gabinete de transición.
O primeiro ministro de Haití, Ariel Henry, a comezos de febreiro. (Foto: Oficina do Primeiro Ministro de Haití)
photo_camera O primeiro ministro de Haití, Ariel Henry, a comezos de febreiro. (Foto: Oficina do Primeiro Ministro de Haití)

Un dos principais líderes criminais de Haití, Jimmy Chérizier, remarcou na madrugada da cuarta feira que haberá unha “guerra civil” se o primeiro ministro Ariel Henry permanece no poder, no contexto da ofensiva das bandas armadas, que levan atacando puntos estratéxicos da capital, Porto Príncipe, desde a semana pasada.

Os Estados Unidos, claves na chegada de Henry ao poder após o asasinato do presidente Jovenel Moïse en 2021, reclamáronlle que renuncie e acepte un novo Gabinete de transición, reportou o xornal Miami Herald. Henry non puido ingresar ao país pola violencia logo dunha xira internacional, e tivo que aterrar en Porto Rico ante a negativa da República Dominicana a autorizar a súa chegada.

Á vez, forzas políticas conservadoras e progresistas propuxeron conformar un Consello Presidencial de tres persoas para pilotar o país até a organización dunhas eleccións, no que estaría Guy Philippe, líder paramilitar adestrado por Washington que participou no golpe de Estado contra o progresista Jean-Bertrand Aristide, organizado polo país norteamericano.

Comentarios