Illamento forzado nos cárceres, a tortura legalizada e institucionalizada no mundo

O caso de Assange é o máis significativo. Enclaustrado, encerrado, illado durante anos, na actualidade a súa situación mental é crítica e apenas recoñece os fillos. Mais non é o único: miles de persoas están a día de hoxe no que as organizacións polos dereitos humanos chaman "cárcere dentro do cárcere". 
EuropaPress_3592702_filed_01_march_2021_united_kingdom_reading_aperson_reaches_to_mural
photo_camera Unha persoa trata de alcanzar o novo debuxo do artista Banksy no muro da antiga prisión de Reading (Foto: Steve Parsons / PA Wire)

O confinamento de presos en celas illadas dentro dun cárcere é unha práctica habitual en todos os sistemas penitenciarios do mundo. A información que achegan organizacións en defensa dos dereitos humanos e organismos internacionais independentes sobre países ben coñecidos, con réximes ditatoriais ou autoritarios, chega con contagotas e é horripilante.

Mais tamén nos países occidentais dotados con sistemas de control democrático do poder prodúcense violacións dos dereitos das persoas encarceradas. Na maioría dos casos, coa aquiescencia consciente ou por omisión da poboación e dos seus representantes parlamentarios. En Europa, sen ir máis lonxe no noso país, organizacións como Esculca veñen reclamando desde hai tempo a abolición desta práctica.

Na actualidade, o illamento forzado ou confinamento en soidade de reclusos prodúcese principalmente por dous motivos: por cuestións de seguridade ou como castigo. Este último está na orixe histórica da práctica; isto é, crebar física, emocional e psicoloxicamente o preso para modificar a súa conduta. É a mesma práctica, alongada no tempo, que en tempos de guerra a Convención de Xenebra prohibe desde hai case un século.

Mesmo en Abu Ghraib, no Iraq, onde os abusos físicos e as humillacións sexuais eran sistemáticas e aprobadas polas autoridades militares estadounidenses, os carcereiros necesitaban un permiso dos seus superiores para manter algún preso en illamento por máis de 30 días.

43 anos en illamento

É precisamente os EUA un dos países do mundo occidental que máis uso fai deste mecanismo. O caso máis significativo é o dos coñecidos como "Os tres de Angola", Robert King, Herman Wallace e Albert Woodfox, que permaneceron en confinamento solitario durante décadas na prisión estatal de Luisiana, tamén chamada "Angola", pola plantación de escravos que alí existiu durante anos.

Os tres, homes negros, eran membros dos Black Panther e tras ser encarcerados por delitos de roubo a man armada foron acusados e condenados polo asasinato dun garda da prisión, un crime que sempre negaron.

King saíu do cárcere en 2001 logo de 29 anos en illamento; e Wallace, con cancro de fígado, foi liberado en 2013 despois de 42 anos en confinamento e faleceu aos poucos días. 

Woodfox saíu de "Angola" no ano 2016 tras 43 illado. Amnistía Internacional sostiña que "non había razóns lexítimas" para isto, dado que "o seu expediente penitenciario era exemplar" e "non supuña unha ameaza nin para el nin para outros". Porén, nese tempo permaneceu 23 horas ao día dentro dunha cela de 2x3 metros. A hora restante tiña permitido facer exercicio no patio. Encadeado e en soidade. 

"Tortura" e "inútil"

Segundo os numerosos informes publicados nos últimos anos en revistas médicas e legais, o illamento forzado é considerado unha forma de tortura psicolóxica con efectos fisiolóxicos tanxíbeis a longo prazo a partir de que se supera o período dunhas poucas semanas. E ademais é inefectivo. 

A Comisión sobre Seguridade e Abusos nos EUA, de 2002, estabeleceu que "o aumento no uso da segregación de alta seguridade é contraproducente, habitualmente provocando violencia dentro das instalacións e contribuíndo á reincidencia tras a liberación". Mais nada mudou. Máis de 80.000 homes, mulleres e menores permanecen en confinamento solitario, recolle o Departamento estadounidense de Estatísticas de Xustiza.

Centrado na cidade de Nova York, The New York Times informaba en outubro pasado que malia descender o número de presos nos últimos anos, a porcentaxe de illamentos forzados segue estábel. E nun antigo editorial denunciaba que a práctica se tornara "rutina". "É inflixir innecesariamente, un indecente e inhumano sufrimento a ducias de miles de presos", sostiña.

Saúde mental

Nacións Unidas púxoa en cuestión en varias resolucións, e indirectamente está vetada na Declaración dos Dereitos Humanos (1949) no seu artigo 5. En 2015 aprobou as Regras mínimas para o tratamento dos reclusos, tamén coñecidas como "As Regras Mandela" na honra do ex presidente surafricano, que pasou en illamento a maior parte dos 27 anos preso. Definen o confinamento solitario como aquel que se dá "durante 22 horas ao día ou máis sen un contacto humano significativo". E o Relator Especial da ONU sobre a tortura recólleo así, como "tortura", cando se aplica "a persoas con problemas mentais ou delincuentes xuvenís".

Julian Assange entraría neste apartado, segundo decretou a xustiza británica para denegar en primeira instancia a súa extradición aos EUA. A saúde mental do fundador de WikiLeaks deteriorouse gravemente. A xuíza Vanessa Baraitser afirmou que mostrara tendencias suicidas durante o seu encarceramento na prisión de Belmarsh, en Londres. E foi diagnosticado con trastorno do espectro autista (TEA) e depresión. 

Nos vindeiros días coñecerase a resolución ao recurso presentado por Washington. De ser aceptado ─parafraseando as palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio, 'Mero', nun recente artigo no xornal Praza sobre o illamento forzado─ estará cheo de escuridade e, aínda no medio da luz, perseguirano os pantasmas da paranoia e do silencio perpetuos.

Banksy e o cárcere onde Oscar Wilde estivo anos illado

O artista de arte urbano Banksy, coñecido polos seus deseños satíricos e subversivos, reapareceu nas últimas horas cunha imaxe no muro da antiga prisión de Reading. O centro penitenciario foi clausurado en 2013 e agora o Ministerio de Xustiza británico, propietario do edificio, valora que uso darlle. A decisión será tomada a mediados deste mes e hai unha campaña en marcha para que sexa convertido nun centro de arte. Banksy, que confirmou que o debuxo, Create Escape, era seu cun vídeo en Instagram sumouse desta maneira á iniciativa.

A prisión de Reading é onde o escritor Oscar Wilde estivo preso durante dous anos pola súa homosexualidade, a maior parte do tempo en illamento forzado. Tras ser liberado escribiu Nenos en prisión e outras crueldades da vida no cárcere (1897).

Comentarios