Aumentan as voces que instan a Puigdemont a facer efectiva a declaración de independencia

ANC e CUP entre elas, así como o rostro máis visíbel de MES e eurodeputado por ERC, Ernest Maragall ou Demòcrates.

urna reconto catalunya referendo dani candal
photo_camera Imaxe: Dani Candal

A segunda feira, 16 de outubro, marcada en vermello no calendario. Ás 10.00 horas expira o prazo dado polo executivo español ao president da Generalitat para que conteste ao requerimento (paso que abre a porta ao artigo 155)e diga se proclamou ou non a independencia. E se no taboleiro español hai movementos para presionar ao Govern e que este deixe atrás a independencia, tamén hai movementos no taboleiro catalán para que Carles Puigdemont faga efectiva a declaración da independencia.

Nestes días foron en aumento as voces que pedían ao president dar ese paso. Faino Demòcrates [o sector soberanista de Unió, que non marchou con Durán i Lleida] mais non foron, nin moito menos, os únicos. O eurodeputado Ernst Maragall, un dos rostros máis coñecidos de MES [soberanistas que marcharon do PSC] tamén deu o paso. “Hai que asumir o risco da liberdade”, afirma o eurodeputado, que considera que a resposta do estado español á proposta de diálogo foi “rendición ou represión”. O propio vicepresident, Oriol Junqueras, respondeu a esa reflexión cun "Totalmente de acordo"

Mais as voces máis importantes foron a da ANC e a CUP. A Assemblea Nacional Catalana realizou unha xuntanza extraordinaria do seu secretariado na que se pediu que se levantase a suspensión da declaración de independencia. Nesa reunión non estaba Jordi Sánchez. A ANC considera que o estado español deu unha negativa ao diálogo.

A CUP, de por parte, remitiu unha carta a Carles Puigdemont na que lle pide que “proclame xa a República” catalá. Indica que “a xente” é a verdadeira forza do proceso de autodeterminación e que hai que asumir o mandato de máis de dous millóns de persoas, que fixeron fronte á represión para poder exercer o dereito a voto.

Comentarios