O asasinato do científico iraniano responsábel do programa nuclear abre a porta ao conflito

As autoridades do país persa apunta o Goberno de Israel e a Trump: "Os sionistas, nos últimos días do seu arriscado aliado, están a facer todos os esforzos para provocar unha guerra a grande escala".
iran_atentado
photo_camera Dúas imaxes do lugar do atentado contra Mohsen Fakhrizadeh (Foto: FARS)

O científico do Irán, Mohsen Fakhrizadeh, considerado como o director do programa nuclear do país, foi asasinado hoxe nos arredores da capital, Teherán, segundo confirmou o Ministerio de Defensa do Irán. O Goberno dos Estados Unidos e os seus aliados na rexión, como Israel, tiñan a mira posta en Fakhrizadeh desde hai tempo, xa que o acusaban de ser o cerebro detrás do suposto plan secreto para a fabricación da bomba nuclear.

"Elementos terroristas armados atacaron nesta sexta feira o vehículo en que viaxaba Mohsen Fakhrizadeh, director da Organización de Investigación e Innovación do Ministerio de Defensa", sinalou nun comunicado o departamento de Defensa.

Nel explícase que "durante o enfrontamento entre o seu equipo de seguridade e os terroristas, Fakhrizadeh resultou ferido de gravidade e foi trasladado ao hospital". "Desafortunadamente, o equipo médico non tivo éxito e, hai uns minutos, o científico caeu mártir tras anos de esforzos e loita", agregou, condenando o "covarde acto de terrorismo", segundo recolleu a axencia iraniana de noticias Mehr.

Explosión e disparos

Fakhrizadeh morreu tras un ataque na localidade de Absard, situada na provincia de Teherán, tras un ataque ao seu vehículo. Polo menos rexistrouse unha explosión, e o equipo de seguridade do científico enfrontouse a tiros cun grupo de asaltantes. De acordo coa axencia iraniana de noticias FARS, no ataque terían morto outras tres persoas, que serían os atacantes.

O ministro de Exteriores do Irán, Mohamad Yavad Zarif, afirmou a través da súa conta en Twitter que "terroristas asasinaron un eminente científico iraniano", sen mencionar directamente a Fakhrizadeh.

"Dobre vara da UE"

"Esta covardía, con serias indicacións sobre o papel de Israel, mostra o desesperado belicismo dos responsábeis", apuntou. "O Irán pide á comunidade internacional, e especialmente á Unión Europea, que poña fin á súa vergoñenta dobre vara de medir e condene este acto de terrorismo de Estado", remachou.

Pola súa banda, Hosein Dehqan, asesor do líder supremo do Irán, o aiatolá Alí Khamenei, destacou que as autoridades "caerán como un raio contra os asasinos do mártir Mohsen Fakhrizadeh". "Os sionistas, nos últimos días do seu arriscado aliado, están a facer todos os esforzos para provocar unha guerra a grande escala poñendo presión sobre o Irán", en referencia a Israel e ao aínda presidente dos EUA, Donald Trump. 

Comentarios