Arxentina mobilízase a prol da Lei de medios

Milleiros de persoas demandan o cumprimento da Lei de Medios nunha masiva Festa da Patria Popular celebrada na Praza de Maio en Bos Aires. A presidenta arxentina, Cristina Fernández fixo un chamamento á democratización dos poderes do Estado e demanda que a Corte Suprema rache coas medidas cautelares que favorecen a concentración mediática en Arxentina. Ecuador e Brasil inician tamén procesos lexislativos con senllas medidas.
Lei de medios

Unha Praza de Maio ateigada de xente demandaba na noite do domingo o cumprimento da Lei de Medios aprobada en 2009 e batía contra a sentenza feita pública pola Cámara do Civil e Comercial o pasado día 7 de decembro mediante a cal a xustiza arxentina prorrogaba a inmunidade do grupo Clarín. Na súa intervención, a presidenta da República, Cristina Fernández calificou de "ferros xudiciais" o ditame da Cámara e equiparouno cos "ferros militares" que mantiveran a ditadura civil-militar no país. Neste senso, Fernández lanzou un chamamento ao poder xudicial e exixiu deste que respecte a súa "independencia" e que garanta "a vontade do Parlamento" pois do contrario "de que democracia estamos falando?", preguntou.

Neste senso, Cristina Fernández --que aproveitou a ocasión para darse un baño de masas-- demandou da xustiza que "non actúe con privilexios para os sectores minoritarios" --apelando ao poder económico que concentra boa parte dos medios de comunicación arxentinos-- e lembrou o dito segundo o cal "con catro capas dun determinado medio derrúbase un goberno". Porén, a realidade mediática da Arxentina non está illada da experiencia doutros países, en que o denominado "cuarto poder" está controlado por grandes grupos cuxas actividades van alén da vontade informativa.

Cristina Fernández: "Hai sectores que seguen actuando con outra lóxica e non respectan a vontade popular"

Ecuador e Brasil desenvolven senllos procesos lexislativos
A concentración de medios nos demais países de América Latina non escapa á que poida desenvolverse en Arxentina ou en calquera país do mundo. Neste senso, Ecuador e Brasil botaron a andar --con cadanseu ritmo-- senllas propostas lexislativas encamiñadas a rachar coa tendenza monopolística/oligopolística dos grupos mediáticos afincados no país.

Esta decisión valeulles, ao igual que a Cristina Fernández, duras críticas emanadas das principais cabeceiras da imprensa, mesmo acusando ao ecuatoriano Rafael Correa de "atentar contra a liberdade de expresión". Así pois, na xuntanza desenvolvida en Cádiz, a Sociedade Interamericana de Prensa (SIP) --da que toman parte 1.400 empresarios-- afirmaba con rotundidade que "existen presidentes arbitrarios e intolerantes que pretenden calar a prensa crítica", aludindo aos procesos lexislativos iniciados en América Latina encamiñados a rachar coa concentración mediática.

Correa: "Fixéronnos crer que criticar aos medios de comunicación é estar en contra da liberdade de expresión"

Neste senso, Ecuador segue a debater a súa Lei de Medios Audiovisuais coa que o goberno de Rafael Correa procura "regular o exercicio dos dereitos da comunicación" --como o propio texto recolle, a través da creación dun Consello de Regulación que exerza funcións de control e solución de controversias perante as reclamacións que presentadas. No entanto, o organismo non poderá suspender nin clausurar ningún medio --cuxa decisión deberá emanar do poder xudicial. Así mesmo, a norma presentada polo executivo, estabelece unha distribución proporcional do espectro radioeléctrico entre os medios públicos, privados e comunitarios que non poderá superar o 33% en ningún dos casos.

De igual maneira, o goberno de Dilma Rousseff prepara tamén un novo marco regulatorio dos medios de comunicación en aras, aseguran "do compromiso deste goberno co pobo" e da súa loita contra "os conglomerados máis poderosos". Neste senso, a presidenta brasileira aseveraba que o obxecto da nova norma será "ampliar o acceso, rachar monopolios e garantir a efectiva pluralidade de contidos".

Comentarios