O antimilitarismo en Sardeña, a xuízo por actos "terroristas"

Defender a terra é delito. A fiscalía italiana impuxo o seu criterio e o vindeiro 6 de decembro 43 activistas sardos sentarán no banco, acusados de graves crimes, pola súa participación en manifestacións contra as numerosas bases militares da OTAN que alberga a illa. 
aforas_sardigna
photo_camera Cartel ás portas do xulgado de Casteddu, na terza feira, na concentración previa á decisión xudicial (Foto: A Foras)

O xulgado de Casteddu (Cagliari, en italiano) encargado da instrución da "Operación Lince" aceptou a petición da fiscalía e mandou a xuízo 43 dos 45 acusados por disturbios en protestas antimilitaristas en Sardeña entre 2014 e 2017. O proceso desenvolverase a partir do 6 de decembro. Até entón, decretouse a prisión preventiva para os 43. Aos outros dous, menores de idade, concedéuselles a liberdade condicional. 

As bases militares ─a maioría da OTAN, mais non só─ ocupan 350 hectáreas da illa. Con perspectiva: no resto de territorios baixo soberanía italiana, esta cifra ascende a só 250; 65% dos terreos militares italianos concéntranse en Sardeña; e 80% de todas as bombas probadas en Italia detónanse en campos sardos. O de Salto di Quirra, o maior campo militar dentro da UE, é o máis simbólico.

Cinco dos acusados afrontan cargos de "asociación subversiva de carácter anarco-insurreccional". As autoridades xudiciais antiterroristas asócianos ademais co colectivo No TAV, que se opón á construción da liña ferroviaria de alta velocidade na illa, segundo informou a axencia ANSA.

A fiscalía considera que Roberto Bonadeo e Valentina Maoret, de 33 e 37 anos, son os promotores dunha "asociación con fins de terrorismo ou subversión da orde democrática coa finalidade de levar a cabo actos de violencia". Mesmo delito ─mais sen o agravante de organización─ que se imputa aos outros tres: Gianluca Berutti (40 anos), Marco Desogus (26) e Davide Serra (27).

Fábrica de armas

A "Operación Lince" desenvolvida polas forzas de seguridade do Estado ante o crecente antimilitarismo en Sardeña, documentou mobilizacións nos campos de Capo Frasca e Decimomannu, ademais de no de Salto di Quirra. 

Tamén alegou estragos e danos contra oficinas postais, de entidades bancarias e da compañía de transporte marítimo Tirrenia. E contra a fábrica de armas que a compañía alemá RWM ten en Domusnovas, que até xaneiro deste ano producía as bombas que Arabia Saudí usa na guerra do Iemen.

Son numerosos os casos de leucemia e doutros tipos de cancro, así como malformacións entre cativos nacidos a finais da década de 1980 nas zonas onde hai campos militares, como consecuencia do grave envelenamento causado polas probas de armamento.

Nun comunicado en Facebook, a asemblea antimilitarista A Foras ("Para fóra") dixo que a decisión, "confirma a natureza política" do proceso, que trata os activistas sardos "como se fosen mafiosos, e non militantes políticos". E considera que "o verdadeiro obxectivo" é "disolver un movemento que goza de ampla simpatía popular". 

'Blu Notte, Misteri Sardi', calendario choqueiro e solidario cos activistas

As accións reivindicativas a prol dos encausados na Operación Lince multiplícanse. Ademais das concentracións semanais da asociación Madri contro la Repressione e l'Operazione Lince (as nais dos 45 activistas investigados) desde que en xaneiro o fiscal presentara os cargos, tamén hai outras iniciativas impulsadas desde a organización A Foras, como a publicación dun calendario solidario 2022 co fin de recadar fondos para a súa defensa. O proxecto ─en colaboración coa Cassa Antirepressione Sarda e titulado 'Blu Notte, Misteri Sardi'─ conta en ton retranqueiro "anécdotas e asuntos da historia sarda e da loita contra a ocupación militar de Sardeña", segundo explican desde A Foras. Inclúe 12 fotos choqueiras, unha por cada mes, narrando a Lince, desde que o 18 de setembro de 2019, ao feche da investigación, foilles comunicada a imputación aos 45 activistas.

Comentarios