O antes e o despois dos ataques do 11-S

Catro comandos; catros avións de pasaxeiros secuestrados e usados como proxectís contra obxectivos civís e militares; case tres mil mortos (extraoficialmente, moitos máis). E un punto de inflexión na historia: o ataque en 2001 contra a maior potencia militar da historia foi o comezo dunha guerra nova para un mundo novo e tivo –segue a ter– unha resposta devastadora en vidas.
11-S_GilbertMercier_CC
photo_camera Camiseta de Bin Laden co lema "búscase, vivo ou morto", nunha rúa de Nova York en outubro de 2001 (Foto: Gilbert Mercier / CC)

Ás 8.46 (hora local) do 11 de setembro de 2001 un avión de pasaxeiros da compañía American Airlines impactaba contra a torre norte do World Trade Center de Manhattan, na cidade de Nova York. Ás 9.03 unha segunda aeronave, de United Airlines, estrelábase contra a torre sur. Unha hora e media despois, os dous rañaceos colapsaban. 

Ao mesmo tempo, nos arredores da capital dos EUA, Washington DC, outros dous avións secuestrados tamén acababan colidindo contra o chan. O primeiro, de American Airlines, batía ás 9.37 contra o Pentágono, a sede central do Exército estadounidense. O segundo, de United Airlines, era derrubado polos propios pasaxeiros tentando evitar que alcanzase o seu obxectivo final (a Casa Branca ou o Capitolio, segundo investigacións posteriores).

Oficialmente, 2.977 persoas, ademais dos 19 atacantes suicidas, perderon a vida. Concretamente, 265 pasaxeiros e secuestradores, 2.606 traballadores e membros dos equipos de rescate no World Trade Center e arredores, e 125 militares no Pentágono. Extraoficialmente, moitos máis. 

O documental 9/11’s Unsettled Dust ("11-S, po en suspensión") analiza o impacto da poeira canceríxena que provocaron as "torres xemelgas" ao se esborrallar, e como as autoridades puxeron os intereses de Wall Street (a bolsa neoiorquina, situada a menos dun km do World Trade Center) por diante da saúde pública.

O 20 de setembro, o entón presidente dos EUA, George W. Bush, comparecía diante do Congreso e declaraba a "guerra contra o terror". Apuntaba, xa oficialmente, contra Al Qaeda, contra o seu líder, Osama bin Laden, e contra o país que lles daba acubillo, o Afganistán talibán

Manifestaba: "Esta noite o país tomou consciencia do perigo e foi chamado a defender a liberdade. A nosa aflición tornouse xenreira e a xenreira decisión. Tanto se levamos os nosos inimigos ante a xustiza como se levamos xustiza aos nosos inimigos, farase xustiza".

O antes

Hai dous día conmemorábase outro 20º aniversario: o do asasinato de Ahmad Shah Massoud, o "O León de Panjshir", pai de Ahmad Massoud, actual líder da resistencia aos talibán nesta rexión afgá. 

Ahmad Shah Massoud encabezou primeiro a resistencia contra a URSS (1979-1989) e despois contra os talibán (1996-2001). Cinco meses antes do 11-S realizou unha visita oficial á UE en busca de apoio á súa causa. Nun discurso diante do Parlamento Europeo advertiu de que Al Qaeda preparaba un ataque de grandes dimensións contra EUA.

Segundo un cable diplomático desclasificado en novembro de 2003 polo Arquivo de Seguridade Nacional da Universidade George Washington, en base á Lei de Liberdade de Información, a Casa Branca era coñecedora das alertas de Massoud "sobre as intencións do millonario saudita, Osama bin Laden e a súa organización terrorista, Al Qaeda, de realizar un acto terrorista contra os EUA, nunha escala maior que os ataques con bomba de 1998 ás embaixadas dos EUA en Kenya e Tanzania".

Este cable recolle que Massoud contaba cun "coñecemento limitado" do que sucedería o 11-S. Dous días antes, o 9 de setembro de 2001, era asasinado por dous membros de Al Qaeda, de orixe tunesino, que se fixeron pasar por xornalistas e colocaron unha bomba na cámara de vídeo durante a entrevista ficticia a Massoud.

Non foron as únicas alertas. A crecente actividade de Al Qaeda non pasaba inadvertida para ningún servizo de espionaxe mundial. Nos meses previos ao 11-S, a Casa Branca foi informada por varias fontes ─tamén polos seus propios servizos de intelixencia─ do risco inminente dun ataque. 

Un dos documentos máis coñecidos é o "Informe presidencial" (informe secreto que recibe diariamente o presidente dos EUA) do 6 de agosto de 2001. Levaba por título: "Bin Laden, determinado a atacar nos EUA". 

Na comisión de investigación parlamentaria do 11-S, a entón ministra de Exteriores, Condoleeza Rice, defendeuse dicindo que non se especificara que se "poderían usar avións como mísiles". Mais nos dous anos previos diferentes axencias realizaron exercicios de simulación de secuestro de avións para usar como proxectís. O 21 de agosto de 2002, Associated Press informaba de que unha destas simulacións estaba programada para o 11 de setembro de 2001.  

O despois

E, con todo, o 11-S chegou. Sobre aquel horríbel, sanguinario e televisado ataque indiscriminado hai multitude de literatura e cinematografía. Tamén moita teoría da conspiración, que o paso dos anos, as análises científicas, a desclasificación de documentos secretos e as investigacións xornalísticas foron refutando. 

Do que non hai tanta documentación, polo menos difundida a nivel popular, é dos outros 11-S que viñeron despois. Os que EUA provocou "levando xustiza aos seus inimigos". Segundo un informe publicado esta semana por Airwar, unha organización civil que recompila datos oficiais sobre vítimas civís de bombardeos militares aéreos, serían polo menos 22.679 os cidadáns falecidos nos levados a cabo polo Exército estadounidense na súa "guerra contra o terror" (cifra que o proxecto Costs of War da Universidade Brown eleva a polo menos 363.000 civís mortos en diferentes circunstancias). 

Un mínimo de 22.679 mortos como consecuencia dun total de 91.340 ataques aéreos estadounidenses contra obxectivos militares en Afganistán, Siria, Iraq, Somalia, Paquistán, Iemen, Libia.... Ou o que é o mesmo: o equivalente en cifras a oito 11-S. 

Algunhas datas chave dos últimos 20 anos

2001, 20 setembro: Declárase a "guerra contra o terror".

2001, 7 outubro: Comezan os bombardeos no Afganistán. 

2001, 7 decembro: Cae o bastión talibán, Kandahar.

2002, 13 xuño: Hamid Karzai, designado presidente interino.

2003, 19 marzo: Comeza a guerra do Iraq.

2004, 11 marzo: varias bombas explotan en Madrid.

2005, 7 de xullo: bombas no metro e nun bus de Londres.

2006, 30 decembro: Saddam Hussein é executado.

2010, 30 agosto: Fin da intervención militar no Iraq, devastado pola guerra civil.

2011, 2 maio: Osama bin Laden é abatido no Paquistán. 

2011, 22 xuño: Washington anuncia o inicio da retirada de tropas do Afganistán e a cesión do poder ás autoridades afgás.

2014, 22 setembro: EUA inicia a operación militar en Siria.

2019, xaneiro: comezan as conversas entre EUA e os talibán. Un ano despois, o 29 de febreiro, asínase un acordo.

2021, 31 agosto: saída de EUA do Afganistán, de novo talibán.

Comentarios