2001-2021: O millón de mortos da "guerra contra o terror" dos EUA

"Que se conseguiu realmente en 20 anos de guerras pos 11-S? Centos de miles de vidas e billóns de dólares despois, quen gañou? Quen perdeu, e a que prezo?", pregúntanse desde o proxecto Cost of War, da Universidade Brown. O informe que acaban de publicar cuantifica o efecto que tivo, ten e terá este "conflito eterno".
georgewbush_marines
photo_camera Bush nunha base militar de Carolina do Norte, o 4 de marzo de 2003, días antes da invasión do Iraq (Foto: Arquivo Nacional dos EUA / CC)

Arredor dun millón de vidas e oito billóns de dólares gastados. É o balance deixado pola "guerra contra o terro" emprendida por Estados Unidos como represalia aos ataques do 11 de setembro de 2001. Son datos recompilados polo proxecto Costs of War ("Custos da Guerra") da Universidade Brown, un dos oito prestixiosos centros educativos estadounidenses da coñecida como Ivy League.

Con motivo dos 20º aniversario daquel ataque sobre Nova York e Washington contra obxectivos civís e militares, Costs of War fixo público onte un informe que cuantifica o impacto humano e económico das operacións militares posteriores ao 11-S. Nomeadamente, no Iraq, en Siria, no Paquistán, en Somalia e noutros territorios onde os EUA tivo algún tipo de intervención armada.

"Fin dunha era"

Tamén, por suposto, no Afganistán. A saída esta semana das tropas estadounidenses do país centroasiático é un punto á parte nesta "guerra contra o terrorismo" declarada inicialmente polo expresidente George W. Bush. O actual inquilino da Casa Branca, Joe Biden, asegurou nas últimas horas que sería un punto e final. Punto e final ao intervencionismo. 

"Esta decisión sobre Afganistán non ten que ver só co Afganistán. Ten que ver coa fin dunha era de grandes operacións militares para a reconstrución doutros países", sinalou nunha conferencia de prensa convocada para explicar os acontecementos das últimas dúas semanas, tras as críticas da oposición ─o Partido Republicano─ e de membros do seu propio partido ─o Demócrata─. 

"Despois de 20 anos de guerra no Afganistán, négome a enviar outra xeración dos fillos e das fillas dos EUA a pelexaren nunha guerra que debería ter finalizado hai moito tempo", manifestou. 

A invasión de 2001 logrou que o país deixase de ser refuxio de organizacións inimigas dos EUA como Al Qaeda, responsábel dos ataques do 11-S. Tamén finalizou co lustro de Goberno talibán (1996-2001), en que opositores aos fundamentalistas islámicos e especialmente as mulleres e as minorías étnicas e relixiosas foron duramente oprimidas, cando non exterminadas. Porén, en setembro de 2021 os talibán controlan máis territorio do que controlaban en setembro de 2001.

A bolsa e a vida

O informe de Costs of War recolle esa peaxe de vidas e de diñeiros cobrada en terras afgás e noutros países de Asia Central, Oriente Próximo ou África durante as coñecidas como "guerras eternas". Os datos recompilados até o pasado mes de agosto, con base a informacións oficiais e xornalísticas, abranguen desde outubro de 2001, no caso do Afganistán e do Paquistán; desde marzo de 2003, no do Iraq; desde setembro de 2014, no de Siria; ou desde outubro de 2002, no do Iemen.

Economicamente, o orzamento destinado polo Goberno dos EUA ascende a algo máis de 8,05 billóns de dólares, do que boa parte (1,1) corresponde a pagar intereses por préstamos, e outra maior (2,2) ao gasto estimado para o ano 2050 en coidados físicos e psicolóxicos dos veteranos de guerra. 

Por países, inclúense 2,3 billóns gastados en operacións militares en Afganistán e Paquistán; 2,1 billóns en Iraq e Siria; e 355 millóns en Somalia e noutras rexións de África.

Humanamente, o balance é de entre 897.000 e 929.000 persoas falecidas nestes 20 anos, entre militares estadounidenses e de países aliados, forzas de seguridade, milicianos, traballadores de ONG, xornalistas e poboación civil. A cidadanía de a pé é a que máis sangue leva derramado, con polo menos 363.000 mortes.

O cálculo de vidas perdidas é controvertido; algúns estudos situaban a cifra por riba do millón de persoas hai xa varios anos. O equipo investigador de Costs of War Project recoñece que as súas estimacións son conservadoras. Ademais, lembran que os seus estudos se centran nos falecementos provocados directamente pola violencia bélica, e non inclúen "as mortes indirectas, nomeadamente aquelas causadas pola falta de alimentos, de auga e de infraestruturas, ou por enfermidades relacionadas coa guerra". 

O número de persoas refuxiadas e solicitantes de asilo desde 2001 chega a 38 millóns, sendo o Iraq (9,2), Siria (7,1) e o Afganistán (5,9) os países con maior número de desprazados pola guerra. 

Quen gañou?

Guerra que ademais, segundo apunta o informe, "estivo acompañada por violacións dos dereitos humanos e das liberdades civís dentro dos EUA e no estranxeiro". Guerra que ademais provocou a desestabilización de Oriente Próximo; que viu nacer neste tempo grupos extremistas antes inexistentes como Estado Islámico, fillo do conflito iraquí e responsábel filialmente do ataque suicida da semana pasada no aeroporto de Kabul.

"Que se conseguiu realmente en 20 anos de guerras pos 11-S? Centos de miles de vidas e billóns de dólares despois, quen gañou? Quen perdeu, e a que prezo?", sinalou Stephanie Savell, codirectora do proxecto Costs of War, nun comunicado acompañando o informe. "Dentro de 20 anos, aínda estaremos contabilizando os altos custos sociais das guerras no Afganistán e no Iraq, moito despois de as forzas dos EUA teren marchado".

Actualmente, o país norteamericano ten en marcha diversas operacións antiterroristas en 85 países do mundo. 

Comentarios