Ana Miranda urxe "recuperar e protexer" o panteón da Casa da Galiza en Montevideo

A eurodeputada do BNG defende "que se teñan en conta" as reivindicacións da colectividade galega da Arxentina e Uruguai.
A eurodeputada Ana Miranda visitou este sábado a Casa da Galiza de Montevideo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A eurodeputada Ana Miranda visitou este sábado a Casa da Galiza de Montevideo. (Foto: Europa Press)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que participa estes días en Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai) nunhas intensas xornadas de traballo que inclúen encontros coa colectividade galega, pon de manifesto o "inmenso traballo" que as e os galegos da diáspora están desenvolvendo "contra vento e marea” polo fomento da cultura e lingua galega e polo mantemento do patrimonio cultural levantados cos aforros e esforzo da emigración.

Neste contexto, a parlamentaria fai este sábado un chamamento a evitar a perda dun patrimonio tan relevante como é o panteón, pertencente á Casa da Galiza de Montevideo, como xa acontecera coa súa sede social e o sanatorio, "froito dunha lamentábel operación especulativa", dixo, lembrando que o centro social acolleu nos anos 40 o goberno da República no exilio.

"Non podemos permitir que se perda o patrimonio galego na diáspora, tanto sexa en Bos Aires como en Uruguai", subliña Miranda. En Montevideo mantivo reunións co Padroado da Cultura Galega —onde emiten o programa de radio en galego máis antigo do mundo e no que se publicaron por primeira vez obras prohibidas na Galiza pola ditadura e que demandan a organización de máis cursos de galego— e coa Casa da Galiza, entidade creada tras o "inxusto feche" do edificio que levaba o mesmo nome.

Precisamente na nova Casa da Galiza a directiva trasladoulle á eurodeputada do Bloque o "agradecemento" ás denuncias e xestións realizadas para evitar ao perda do patrimonio, fronte ao "lamentábel desleixo", dixo, do Goberno galego.

"Grazas á mobilización da colectividade galega e das iniciativas presentadas polo BNG conseguimos que A Santa, a icónica escultura de Asorey, non se perdera e que agora estea no museo Zorrilla de Montevideo. Pero é moi lamenábel que o desleixo do Goberno galego poña en risco o patrimonio cultural e histórico dos galegos e galegas", manifesta a eurodeputada do Bloque.

Neste sentido, Ana Miranda salienta o "inmenso traballo" que desenvolve a directiva do Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, así como o Centro Galiza, que acolle a histórica obra de Castelao A derradeira lección do mestre, en referencia ao asasinato de Alexandre Bóveda, así como diferentes obras de Luis Seoane, e a Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, entidades coas que xa se reuniu nos días previos.

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque tamén se reuniu co Consello de Residentes Españois (CRE), dependente do Consello Xeral da Emigración, que lle trasladou diferentes peticións para o BNG no Congreso español.

Comentarios