sábado 18.01.2020
Eleccións no Reino Unido

Amplo triunfo de Boris Johnson, derrubamento laborista e aumento independentista

Os Conservadores superan as súas propias expectativas e ás sondaxes e logran unha rotunda maioría absoluta a lombos do Brexit. O Partido Laborista rexistra o seu peor resultado desde hai décadas e o independentismo escocés (SNP) rexistra un avanzo considerábel, que fortalece a súa aposta por un segundo referendo de autodeterminación. O soberanismo galés mantén as súas 4 representantes e o Sinn Féin obtén 7 deputados e deputadas.
O independentismo escocés celebra a vitoria en Escocia nestas eleccións británicas.
O independentismo escocés celebra a vitoria en Escocia nestas eleccións británicas.

Boris Johnson, que até uns meses estaba relagado a unha segunda fila do Parlamento británico, logra unha abrumadora maioría nas eleccións do Reino Unido. As 364 cadeiras (de 650 do Parlamento) que lle dá o reconto - que aínda segue- collen maior forza polo feito de que unha parte destes representantes logrounos en tradicionais cintos vermellos do Laborismo, no norte de Inglaterra e Gales. Só Escocia resístese á maruxía conservadora que navega a lombos do Brexit. 

Johnson pedira unha maioría ampla para facer efectivo o Brexit de maneira inmediata e o electorado británica deulle o que pedía. O polémico político tory é o claro gañador deste día.

O Partido Laborista ten 203 deputados e deputadas. Perde máis de 40. Un mal resultado para os de Corbyn, que xa anunciou que non será candidato para as vindeiras eleccións mais continuará aínda nestes meses á fronte do partido. A derrota é especialmente dolorosa pola perda dalgúns feudos tradicionais que aguantaran todos estes anos sen caer en mans dos conservadores até esta quinta feira.

Os Liberal-Democratas obteñen 11 representantes e o seu líder non foi quen de saír elixido na súa circunscrición. Fixeron bandeira de oporse ao Brexit mais semella que a mensaxe non callou.

Independentismo gaña forza

,O SNP escocés é outro dos gañadores da xornada. O reconto dálle 48 representantes, 13 máis dos que tiña. Mantéñense con claridade como primeira forza en Escocia e a primeira ministra, Nicola Sturgeon, ve así avalada nas urnas a súa aposta por un novo refrendo de autodeterminación. 

O independentista Plaid Cymru mantén os seus catro representantes, polo que o soberanismo galés volve ter voz en Londres.

O Sinn Féin atinxe 7 representantes polas circunscricións de Irlanda do Norte, onde se elixen 18 parlamentares. Tamén logra representación por esa parte de Irlanda baixo administración británica o nacionalismo irlandés representado polo SDLP (2 escanos). O nacionalismo irlandés faise así con 9 dos 18 distritos en que se divide electoralmente Irlanda do Norte. O unionismo retén 8 e o último vai para o AP, 'intercomunitario'.

comentarios