"As amas do fogar estamos desexando que volvan as mozas": a delegada do Goberno español en Ceuta sobre o peche da fronteira con Marrocos

"Dígocho comezando por min que estar traballando aquí pola mañá e estar de limpeza pola tarde, a verdade é que costa", afirmou a delegada de Goberno na pasada sexta feira, durante a realización dunha rolda de prensa.
A delegada do Goberno español en Ceuta, Salvadora Mateos. (Foto: Europa Press)
photo_camera A delegada do Goberno español en Ceuta, Salvadora Mateos. (Foto: Europa Press)

A delegada do Goberno español en Ceuta, Salvadora Mateos, manifestouse en relación ao peche das fronteiras con Marrocos, cunhas polémicas declaracións nas que afirmou que "as amas do fogar estamos desexando que volvan as mozas".

Mateos refírese ás máis de 4.000 mulleres que cruzan cada día a fronteira entre Marrocos e a cidade para traballar nos fogares ceutís, e das que só a metade contan cunha situación laboral regularizada, denuncian os colectivos antiracistas e os sindicatos.

"Dígocho comezando por min que estar traballando aquí pola mañá e estar de limpeza pola tarde, a verdade é que costa", afirmou a delegada de Goberno na pasada sexta feira, durante a realización dunha rolda de prensa.

As polémicas palabras de Mateos recibiron as críticas de asociacións, activistas e políticos locais. É o caso da secretaria de Coidados e Benestar da formación política Ceuta Xa, Suad Ahmed, quen denunciou o ton "clasista" de Mateos e acusouna de "vitimizar" as mulleres privilexiadas "que quedaron sen que ninguén lles limpe as súas casa".

Fronteira de Marrocos

As fronteiras entre Marrocos e o Estado español levan pechadas desde 2020, xusto cando comezou a pandemia.

A delegada de Goberno en Ceuta explicou que a reapertura destes pasos depende agora mesmo do remate das obras no Tarajal e a modificación da normativa vixente de solicitude de protección internacional por da cidadanía marroquí.

Segundo detallou Mateos, agarda que antes de final de 2022 as fronteiras poidan estar abertas de novo, e afirmou que os traballadores e traballadoras transfronteirizos serán "os primeiros" en poder cruzar.

Comentarios