A xustiza avala o cartel racista de Vox sobre os menores inmigrantes: “Son un evidente problema"

"Con independencia de se as cifras que se ofrecen son ou non veraces, representan un evidente problema social e político”, aseguran os xuíces sobre o cartel electoral de Vox.
menas vox cartaz electoral
photo_camera O cartaz electoral de VOX, para alén de criminalizar menores inmigrantes, daba datos falsos

A  Audiencia  Provincial de Madrid desestimou o recurso da Fiscalía, ao que se adheriu o PSOE, contra os carteis electorais de Vox durante as eleccións madrileñas, que sinalaban os menores migrantes non acompañados (menas).

No auto, adiantado polo diario El País, os maxistrados argumentan que se trata dun "slogan electoral" e fai seu o fondo da cuestión: "Con independencia de se as cifras que se ofrecen son veraces, (os MENA) representan un evidente problema social e político".

O cartel racista de  Vox marcou a campaña electoral. Estaba colocado na estación de Renfe da Porta do Sol, unha das máis transitadas da capital española. E nela podíase ler, baseándose en datos falsos: "Un  mena, 4.700 euros ao mes. A túa avoa, 426 euros de pensión a mes".

O ministerio público presentou unha denuncia por delito de odio, á que se adheriu tamén o PSOE. Tamén pediron a retirada inmediata, un extremo que rexeitaron tanto a xustiza como a xunta electoral provincial.

No auto que desestima o recurso, os xuíces xustifican que "o cartel tamén pode interpretarse como unha mensaxe electoral a un colectivo moito máis numeroso que o dos menas, no que se presenta unha crítica gráfica e directa sobre a contía das pensións en comparación co sostemento destes mozos".

E para poñer o ramo: "Con independencia de se as cifras que se ofrecen son ou non veraces, representan un evidente problema social e político, mesmo con consecuencias ou efectos nas nosas relacións internacionais, como resulta notorio". Os maxistrados apelan á liberdade de expresión e o "pluralismo dunha sociedade democrática".

O pasado abril, en plena campaña, o xulgado de instrución número 48 de Madrid, en funcións de garda, denegou a retirada cautelar do cartel racista de  Vox, que criminalizaba os menores  migrantes. Solicitárao a Fiscalía Provincial de Madrid, ao considerar que podería ser obxecto dun delito de odio.

Comentarios