[VÍDEO] Alerta no Reino Unido polas 'pombas zombi': así actúa o estraño virus que afecta as aves

Múltiples casos notificados na illa británica de Jersey deste virus que torna as pombas en 'zombis'.
As pombas infectadas en Jersey están a ser sacrificadas. (Foto: Wirestock)
photo_camera As pombas infectadas en Jersey están a ser sacrificadas. (Foto: Wirestock)

Pescozos violentamente virados e movementos bruscos e en apariencia automáticos do corpo. O cerebro perde parte da súa autonomía ante un axente externo no que podería semellar o relato dun filme sobre unha invasión 'zombi', mais que está a suceder no mundo real para algunhas aves.

O Reino Unido leva desde o pasado mes en alerta diante do inzamento dun paramixovirus (PPMV) na illa de Jersey que xa afecta unha multitude de pombas, convertidas en 'zombis' por mor dos seus efectos sobre o sistema neurolóxico.

Segundo recollen diferentes medios de comunicación británicos, o virus, que non pode afectar as persoas humanas —mais si causar conxuntivite ao entrar en contacto directo coas aves enfermas—, provoca un adelgazamento extremo, feces de cor verde ou a imposibilidade de voar.

As pombas infectadas e estudadas nas primeiras pesquisas para indagar sobre a tamén coñecida como 'enfermidade de Newcastle' son reacias a moverse, máis aló de camiñar de forma aparentemente automática e en círculos, e presentan outros síntomas como tremores nas ás ou torceduras case imposíbeis do pescozo.

O refuxio de animais de JSPCA en Jersey informou dun "incremento" da cantidade de pombas en terra que ingresaron nas últimas datas neste centro con cadros sintomáticos practicamente idénticos.

"Todos estes son signos do paramixovirus das aves, unha doenza viral invariabelmente mortal que pode afectar as pombas e outras aves de curral. Ás veces mostran lesións como resultado de non poderen manter o equilibrio ou voaren ben", explicou un portavoz do refuxio, en declaracións recollidas polo xornal The Mirror.

A letalidade é altamente elevada, e no caso de que unha ave sobreviva "continuará espallando o virus e será un risco para outras aves", motivo polo cal desde o refuxio están a sacrificar as pombas infectadas.

Comentarios