Sete agredidos en Manresa por penduraren unha estelada

Un grupo de fascistas atacaron os mozos independentistas

Mossos d'Esquadra interveñen logo da agresión. Fonte: Nació Digital.
photo_camera Mossos d'Esquadra interveñen logo da agresión. Foto: Nació Digital.

Na mañá desta segunda feira, sete persoas de diversos colectivos independentistas foran agredidas após penduraren unha estelada na praza Onze de Setembre do concello barcelonés de Manresa. Entre os supostos responsábeis figuran varios ultras españolistas coñecidos na comarca do Bages polas súas accións. Un deles é Raul Macià, a quen lle foi concedido un permiso o pasado maio logo de pasar sete meses en prisión por roubo con arma de fogo e tráfico de drogas.

Esta agresión mantén a vaga de violencia que está a vivir na bisbarra. No pasado 6 de xullo, Macià xa arrancara unha estelada da mesma praza. En resposta a isto, o Concello de Manresa anunciou que denunciara os feitos ante os xulgados, xa que a presenza da bandeira no balcón consistorial respondía a unha decisión do pleno que data do ano 2012.

A organización local de Arran na vila sinalou publicamente a través das súas redes sociais os agresores que increparon e agrediron o grupo de independentistas. Alén de Macià, entre os nomes figura Tony Noguera —un home de Lledoners con antecedentes por violencia de xénero e por agredir un home que penduraba lazos amarelos—, David Delgado Ramiro e Óscar González —de Sallent, que acompañou Macià atentando contra a estelada do Parc de Bombers de Manresa.

Entre as persoas feridas, cinco delas tiveran que ser atendidas das súas lesións polos servizos de urxencia. Os Mossos d’Esquadra interviñeron despois dos feitos, aínda que non consta ningunha detención. Con motivo desta agresión, os Comitès de Defensa de la República convocaron unha manifestación esta segunda feira ás 20 horas na propia praza Onze de Setembre.

Comentarios