Juaristi, candidato á reelección como eurodeputado por EH Bildu, puxo empeño en tentar esclarecer que a proposta de Arnaldo Otegi —o dirixente abertzale defende unha fórmula frentista aberta a soberanistas e esquerda autodeterminista española— non tiña a menor intención de "inmiscuírse nas cuestións de Galiza". "O meu maior respeito á posición do Bloque", dixo, unha frase que a efectos prácticos liquida a hipótese dun eventual enganche de Anova a esta candidatura das nacións sen estado.
Agora Repúblicas arrancou esta sexta feira cun acto en Compostela e sobre as distintas intervencións —Josu Juaristi por EH Bildu, Diana Riba por ERC, Ana Pontón e Ana Miranda polo BNG— pairou en todo momento a idea de que estamos perante un contexto político excepcional que require do maior grao de unidade posíbel das forzas políticas contrarias ao neoliberalismo e radicalmente antisfascistas.
A candidatura, explicouno nestes termos Ana Pontón, "é unha man tendida desde as nosas nacións ao conxunto de cidadáns e cidadás demócratas e progresistas do Estado español cos que compartimos valores, principios e soños".
En termos semellantes pronunciouse un Josu Juaristi, quen precisou —nun ton que evocaba o recente discurso de Arnaldo Otegui— que esta é unha alianza que fixa "un marco de coordenación e colaboración estábel, inclusivo e aberto a sumar". Por súa parte, Diana Riba formulou Agora Repúblicas como unha alternativa desde a esquerda transformadora ao "populismo autoritario". "Os nosos son tres proxectos políticos que defenden a liberdade e a democracia ante a regresión democrática dos poderes do Estado", dixo. "Facer un referendo non é delito, manifestarse non é delito, manifestarse non é un alzamento", engadiu.
"Dános visibilidade como nación"
Xa desde unha perspectiva estritamente nacional, a candidatura garantiría a Galiza "unha representación con capacidades reforzadas, sen supeditacións e cunha única lealdade: a que lle debemos á sociedade galega", afirmou Ana Pontón. "Dános visibilidade como nación", resumiu.
Por súa parte, a candidata á reelección como eurodeputada Ana Miranda ve "unha honra" facer parte dunha coalición "desde a que loitar contra o fascismo e en defensa sen fendas dos valores democráticos, dos nosos sectores produtivos e dos intereses dos galegos e das galegas".
Miranda ocupará a primeira praza do BNG na candidatura conxunta con EH Bildu e Esquerra, cuxa composición definitiva —e distribución de postos entre as distintas forzas— aínda está en proceso de conformación. Agora Repúblicas terá como cabeza de lista o líder independentista catalán e preso político Oriol Junqueras.