Aumentan as tensións no sur de Asia: Paquistán mata 46 persoas nun ataque en Afganistán
Como mínimo 46 persoas, a meirande parte crianzas e mulleres, morreron nun bombardeo paquistaní no leste de Afganistán, sinalou a cuarta feira Hamdullah Fitrat, voceiro adxunto do Emirato Islámico afgán, a Administración dos talibán, que engadiu que seis persoas resultaron feridas.
O Exército de Paquistán lanzou ataques aéreos a terza feira contra catro puntos da provincia de Paktika, situada no centro dos 2.430 km de fronteira que comparten ambos os dous países, debullou Fitrat. Kabul asegurou que actuará en represalia.
Pola súa parte, as autoridades paquistanís non responderon ás solicitudes de comentarios da axencia Reuters. Con todo, un funcionario ratificou que o país realizou bombardeos contra campamentos do Movemento Talibán Paquistaní (TTP), que opera de forma independente aos seus homólogos de Kabul, aos que xurou lealdade e cos que comparte o seu obxectivo de estabelecer un réxime teocrático, mais neste caso en Paquistán. Fontes paquistanís cifran en 25 os xihadistas mortos no ataque.
O Ministerio de Defensa afgán sostivo que a maior parte das mortes nos bombardeos paquistanís corresponden a “refuxiados waziristanís”. Waziristán está pegada á área de Baluchistán integrada en Paquistán, nos lindes con Afganistán. Destas dúas rexións proveñen os grupos armados que se uniron no TTP.
Precisamente en Waziristán, ao outro lado da raia fronteiriza da zona na que se localizan os supostos campamentos bombardeado a terza feira, produciuse o sábado un ataque do TTP no que faleceron 16 membros das forzas de seguridade. En tanto, os xihadistas reclamaron que as mortes ascendían a 35 axentes.
En novembro de 2022, 15 meses despois de que os talibán afgáns recuperaran o poder en paralelo á fin da ocupación estadounidense do país, en Paquistán os xihadistas anunciaron a fin do acordo de alto o fogo que mantiñan coas autoridades en Islamabad, e que como moito servira para reducir as hostilidades, tras 70.000 mortes en atentados xihadistas desde a fundación do grupo en 2007, estima Paquistán. Desde ese momento, a frecuencia dos ataques, sobre todo contra as forzas de seguridade, foi en aumento.
Islamabad acusa de forma recorrente Kabul de permitir que desde o seu territorio se lancen ataques contra Paquistán, o que os talibán afgáns negan, nunha relación que está moi lonxe de asemellarse á da primeira etapa dos xihadistas á fronte de Afganistán, entre 1996 e 2001.
Daquela, canda o armamento subministrado por Washington para combater o Goberno socialista de Afganistán, que pediu axuda militar á Unión Soviética, o principal apoio dos talibán era Paquistán, o primeiro país que recoñeceu o seu Goberno –o que nesta ocasión non ocorreu–, algo que só fixeron tamén Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos.
En marzo deste ano, despois de incidir nas acusacións de que os xihadistas usan territorio afgán para agredilo, Paquistán lanzou ataques aéreos e con armamento pesado, matando cinco mulleres e tres crianzas, indicaron os talibán, nunha ofensiva recoñecida por Islamabad, que a denominou “operación antiterrorista” contra o TTP, o que derivou en que Kabul respondera ordenando ás forzas de seguridade afgás atacar tropas paquistanís na fronteira, da que aínda non existe un acordo bilateral sobre a súa demarcación.
O TTP converteuse no eixo dos choques bilaterais, e daquela o Exército paquistaní chegou a acusar Afganistán de brindar “pleno apoio e asistencia” á “recente onda de terrorismo”, ao que contestaron os talibán inculpando Islamabad por responsabilizalos pola “falta de control, a incompetencia e os problemas no seu propio territorio”.
Tras o último ataque, o voceiro de Defensa talibán, Enayatullah Khowrazmi, defendeu que consideran “este acto brutal unha flagrante violación de todos os principios internacionais e un evidente acto de agresión”, así como que “o Emirato Islámico non deixará este acto covarde sen resposta”.
Negociación con Khan
En Paquistán, o ataque produciuse cando o Goberno trata de pór fin á inestabilidade política na que se sumiu o país desde que unha moción de censura depuxo Imran Khan como primeiro ministro en 2022, un movemento do que acusou os militares e os Estados Unidos, críticos polo seu achegamento a Rusia e á China.
A pasada segunda feira deron inicio as conversas entre o Executivo e o Movemento pola Xustiza (PTI) de Khan, tras aceptar o Gabinete na véspera –na última xornada do prazo trasladado polo ex primeiro ministro encarcerado– desenvolver negociacións para formar unha comisión co fin de investigar a represión contra os partidarios do PTI. En caso contrario Khan ameazara cunha campaña de desobediencia civil cuxo primeiro paso era paralizar o envío de cartos das persoas migrantes en dirección ao país.
No tocante á represión, a última gran protesta a favor da liberación de Khan, que sostén é un preso político despois de ser detido en agosto de 2023 acusado de corrupción, aconteceu en novembro, e segundo o PTI 12 simpatizantes foron asasinados pola Policía, mentres que as forzas de seguridade aseveraron que cinco membros morreron nos choques.
Islamabad, "atónito" polas sancións dos Estados Unidos
As autoridades paquistanís ficaron “atónitas” pola decisión dos Estados Unidos de impor sancións coercitivas contra tres empresas e unha axencia pública polo desenvolvemento de mísiles balísticos de longo alcance, entre outras tecnoloxías, indicaron analistas e persoas funcionarias citadas a cuarta feira polo xornal South China Morning Post.
John Feiner, un alto funcionario da Casa Branca, insistiu en que de ter éxito “Paquistán tería a capacidade de atacar obxectivos máis alá do sur de Asia, incluso nos Estados Unidos”, afirmando que isto supón “unha ameaza emerxente” para o país americano. O Ministerio de Relacións Exteriores paquistaní culpou Washington de buscar favorecer á India, coa que reforzou os seus lazos nos últimos anos e que se enfrontou en catro guerras contra Islamabad.
Ao respecto das armas nucleares que tanto a India como Paquistán posúen, o primeiro ministro paquistaní, Shehbaz Sharif, pormenorizou que non teñen intencións de que sexa un armamento “agresivo”, senón “unha disuasión, nada máis”, cuestionando unhas sancións que "non teñen xustificación". Incluso tras a marcha de Khan do poder, Washington censura os vínculos económicos de Islamabad con Beijing.

