Os talibán impoñen o terror a golpe de látego tras recuperar a 'sharia' en Afganistán

Perto de 250 recibiron lategazos como castigo desde novembro, cando o goberno extremista de Kabul impuxo de novo aos xuíces a Lei 'sharia'.
Unha muller fuxindo de Kabul (Afganistán) coas súas crianzas o pasado ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha muller fuxindo de Kabul (Afganistán) coas súas crianzas o pasado ano. (Foto: Europa Press)

Un ano e medio despois de retomar o poder en Afganistán, o Goberno dos talibán segue a impor a súa estrita doutrina pola forza. Nas últimas horas foron condenados a recibir varios lategazos, método punitivo que volveu ficar á orde do día, a once persoas na cidade de Faizabad, na provincia de Badajshán. "Crimes morais" e "adulterio" foron os seus delitos.

O cruento castigo, segundo indicou o Tribunal Supremo, foi seguido en directo por "unha gran cantidade de persoas" que acudiron ao polideportivo deste municipio no que se executou. Tamén asistiron altos cargos do grupo fundamentalista.

A axencia de noticias afgá Jaama Press sinalou que esta foi a primeira vez que se decretaron lategazos para pagar por un delito nesta provincia do país, se ben a práctica xa era común de novo noutros lugares de Afganistán.

A doutrina do látego impúxose con forza desde novembro do pasado ano, logo de que o líder talibán, o mulá Haibatulá Akhundzada, exixira aos xuíces que voltasen a aplicar a Lei 'sharia' nas súas sentenzas, incluída a pena de morte. Unhas 250 persoas recibiron lategazos desde entón.

"Examinen coidadosamente os casos dos ladróns, dos secuestradores e dos sediciosos. Nos casos nos que se cumpran todas as condicións da 'sharia' [...] están obrigados a implementar", advertira daquela o portavoz do Goberno, Zabihullah Mujahid.

Entidades como a ONU ou Amnistía Internacional veñen alertando desde hai tempo: "Esvaeceu toda esperanza de cambio"

Na categoría de "sediciosos" os talibán inclúen o adulterio, a inxesta de alcol ou a apostasía. En xullo de 2022, a ONU publicou un informe que constata as prácticas represivas do réxime talibán contra a sociedade civil, e que recolle todos os abusos que puideron constatar os enviados de Nacións Unidas a Afganistán. Entre estes, enumeran detencións arbitrarias, torturas e execucións extraxudiciais.

Outro informe presentado por Amnistía Internacional coincide coas conclusións achegadas pola ONU e apunta que "toda esperanza de cambio [en Afganistán] esvaeceu xa mentres os talibán tratan de gobernar mediante a represión e con total impunidade".

Comentarios