A abstención do independentismo deslexitima o novo referendo en Nova Caledonia

Baixa participación na consulta (44% fronte ao 85% do de 2020), cualificada polos independentistas como "nin lexítima nin válida"

nova_caledonia_marcha

O terceiro e último referendo de independencia froito do acordo de Nouméa chegou este domingo no medio dunha crise pola negativa francesa a atrasar a votación pola Covid-19. 

A participación neste referendo de independencia non chegou nin á metade do electorado, despois de que os partidos e sindicatos independentistas pedisen a abstención. O "non" á independencia gañou co 96,5% dos votos emitidos, segundo informa Nationalia.

As forzas independentistas solicitaran un adiamento da votación, mais o Goberno francés e o Consello de Estado rexeitárono.

As forzas a favor da independencia reclamaron nos últimos meses que se atrase o referendo após a chegada en setembro dunha onda de Covid-19 da variante delta, o que impide desenvolver unha campaña xusta.

Tamén cuestionan que a cita electoral coincida co comezo da campaña en Francia, polo que non se dan as ondición para que a poboación afronte o debate e maila votación sen inxerencias externas.

Participación

Mentres que no referendo de 2018 a participación foi do 81,0% e no de 2020 do 85,7%, agora sitúase no 43,9%. En 2020 os independentistas emitiron 71.533 votos. Onte, 2.755. Nas mesas electorais situadas nas áreas predominantemente independentistas practicamente ninguén acudiu a votar.

Nun comunicado, o Comité Estratéxico Independentista, que agrupa os principais partidos e sindicatos desta tendencia, asegurou que non recoñece "nin a lexitimidade nin a validez deste escrutinio" e anunciou que agardará á renovación do Goberno francés para iniciar “verdadeiras conversacións sobre o acceso do país á plena soberanía".

As eleccións lexislativas francesas están previstas para xuño de 2022.

O goberno francés quere pechar un acordo para un novo encaixe de Nova Caledonia dentro da República Francesa nun prazo de 18 meses: o actual sistema de autogoberno é transitorio. Os independentistas din non recoñecer este calendario.

Francia anexionou este territorio en 1853. De aló obtén níquel ademais de abundantes recursos pesqueiros, sen ter en conta a situación xeoestratéxica no Pacífico.

Comentarios