Crise en Nova Caledonia polo "non" francés a adiar o referendo de independencia

O terceiro e último referendo de independencia froito do acordo de Nouméa chega este domingo no medio dunha crise pola negativa francesa a atrasar a votación pola Covid-19. 
Graffiti en Nova Caledonia cuestionando que se decida a costas do pobo. (Foto: Flnks)
photo_camera Graffiti en Nova Caledonia cuestionando que se decida a costas do pobo. (Foto: Flnks)

“Queres que Nova Caledonia consiga a soberanía plena e se converta en independente?”, esta é a pregunta impresa nas papeletas de votación nos 300 locais que acollerán as urnas por todo o arquipélago oceánico o vindeiro domingo, no terceiro referendo auspiciado polo acordo de Nouméa en 1998.

Porén, aínda que están chamadas as urnas 185.004 neocaledonias e neocaledonios, a votación está marcada polo boicot das forzas a favor da independencia, que veñen reclamando nos últimos meses que se atrase o referendo após a chegada en setembro dunha onda de Covid-19 da variante delta, o que impide desenvolver unha campaña xusta.

Tamén cuestionan que a cita electoral coincida co comezo da campaña en Francia, polo que non se dan as condicións para que a poboación afronte o debate e maila votación sen inxerencias externas.

Desde setembro, até 279 persoas faleceron no territorio, de 270.000 habitantes, situado a 16.000 quilómetros de París. A meirande parte tanto dos contaxios como dos falecementos produciuse entre a comunidade kanaka, o pobo orixinario do país, polo que o bloque polo Si cualificou o día como de “dó nacional”.

O Senado consuetudinario, unha das institucións do arquipélago, fixo un chamamento esta quinta feira a todos “os kanakos e forzas progresistas” para respectar o día de dó, informa Les Nouvelles Caledoniennes.

Os dous primeiros referendos decorreron en novembro de 2018, cunha vitoria dos unionistas por 56,40% a 43,60%, e en outubro de 2020, cando recuncaron mais cun aumentos dos sufraxios a prol da independencia da illa, 53,26% a 46,74%.

Neles observouse como o apoio á independencia concéntrase nas rexións de poboación kanaka, mentres que nas zonas cunha maioría de poboación francesa ou descendentes -así como comunidades migrantes polinesias- a opción preferida é manter a situación colonial.

Esta fixación de colonos chegou coa anexión do territorio por parte de Francia en 1853. De alí obtén níquel amais de abundantes recursos pesqueiros, sen ter en conta a situación xeoestratéxica no Pacífico.

Francia vende normalidade

Así e todo, as autoridades francesas tratan de aparentar que a votación se vai desenvolver en completa normalidade, apoiados por boa parte dos medios de comunicación, que sosteñen que as condicións sanitarias permiten desenvolver o proceso electoral do xeito habitual. Le Figaro, un dos principais xornais do país, destaca que “o noso deber é garantir que se cumpran os prazos democráticos a pesar do virus”.

Esta insistencia de Emmanuel Macron, o líder francés, e das forzas en contra da emancipación en apurar ao máximo os tempos está ligada á posibilidade de acabar coas consultas acordadas en 1998 mantendo o vínculo coa metrópole antes de coñecer o vindeiro presidente galo, ao tempo que a poboación orixinaria ten suspicacias de participar por mor da pandemia, sostén a principal forza independentista, a Fronte Socialista de Liberación Nacional Kanak (Flnks), á que pertence o presidente do país, Louis Mapou.

Incluso entre os candidatos aos comicios presidenciais xurdiron críticas contra Macron por non respectar a posición das forzas políticas insulares. Jean-Luc Mélenchon, de Francia Insubmisa, sinalou esta semana que “non é demasiado tarde para pospor o referendo”.
A nivel internacional, parlamentarios do Bloque Nacionalista Galego, Candidatura d’Unitat Popular, EH Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya, Junts e Podemos dirixiron unha misiva a Macron na que solicitaban que se adiaran as votacións.

O Consello de Estado rexeita o atraso

O mesmo fixo un grupo de persoeiros kanakos, que apelou ao Consello de Estado galo para que impedira un referendo sen consenso. Non obstante, a pasada terza feira rexeitou a proposta e aliñouse coa Presidencia, asegurando que a situación da Covid-19 non impide exercer o sufraxio. O voceiro do Executivo, Gabriel Attal, ratificou a decisión e anunciou que o ministro de Ultramar, Sébastien Lecornu, viaxaría a Nova Caledonia na fin de semana.

Pola súa banda, unha misión do Flnks encabezada por Roch Wamytan, un dos signatarios do acordo de Nouméa, interveu onte na Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas para informar a comunidade internacional do que está a acontecer, advertindo que impugnarán alí o resultado se non se suspende o referendo.

Con todo, o presidente da comisión de observación electoral e membro do Consello de Estado, Francis Lamy, reiterou que o referendo “só poderá ser impugnado legalmente perante o Consello de Estado”, fechando a porta a aceptar unha nova votación.

Campaña racista

No entanto os partidarios do Si chaman a non participar no proceso, os do Non impulsaron unha campaña audiovisual que recibiu críticas por “propaganda racista” antes de ser retirada, subliña o Flnks, ao alertar dos perigos da independencia nuns debuxos animados nos que caracterizaban as etnias que viven no arquipélago e presentaban o pobo kanaka como persoas cun baixo nivel de desenvolvemento.

Comentarios