A pandemia deixa un legado de pobreza, violencia e desigualdade entre as mulleres

Os progresos realizados no mundo en materia de igualdade entre mulleres e homes sufriron un importante retroceso por causa da crise sanitaria global. Tras un ano de pandemia, as mulleres volveron saír onte ás rúas para exixir mudanzas substanciais a nivel económico e laboral. E, tamén, que as deixen de asasinar. 
EuropaPress_3597197_08_march_2021_italy_milan_members_of_the_non_di_meno_feminist_movement_take
photo_camera "Ninguén coida de si mesmo", nun cartaz da manifestación de onte na cidade italiana de Milán (Claudio Furlan / LaPresse)

A primeira liña de defensa na loita contra a Covid está conformada por mulleres, que son o grupo maioritario nos servizos de saúde (76%) e de coidados no mundo (86%). Porén, apenas están representadas no proceso de toma de decisións. Segundo un estudo de 2020, de 115 equipos de actuación a nivel nacional contra o coronavirus en 87 Estados do mundo, 85,2% estaban compostos principalmente por homes, en tanto que en 11,4% a maioría era mulleres,  e en 3,5% eran paritarios.

Esta foi unha das denuncias realizadas onte con motivo do Día Internacional da Muller, que levou por lema "Mulleres e liderado: Atinxindo un futuro igualitario nun mundo Covid-19", para salientar o inmenso esforzo realizado por elas para superar a crise sanitaria mundial, e que se marcou en todo o mundo con diferentes actos e manifestacións. 

O efecto do coronavirus tamén tivo un impacto significativo no traballo non remunerado de coidados e de atención dentro da casa: as mulleres pasan 62 horas por semana coidando das crianzas (en comparación ás 36 horas dos homes) e outras 23 horas por semana facendo labores do fogar (por 15 dos homes).

Hai máis datos socioeconómicos que continúan a facer do 8 de marzo unha xornada necesaria. Segundo Nacións Unidas, case 60% das mulleres a nivel mundial traballan na economía informal, o que provoca que gañen menos, teñan menos posibilidades de aforrar e maior risco de caer na pobreza. Globalmente, as mulleres gañan 23% menos que os homes e a súa representación política esta infra-dimensionada: tan só ocupan 24% dos asentos parlamentarios. Ademais, unha de cada tres tivo algún tipo de experiencia de violencia física e sexual.

Estas cifras non fixeron máis que empeorar durante a pandemia. No caso concreto da UE, segundo recolle un informe publicado pola Comisión, as desigualdades exarcerbáronse en case todas as áreas da vida, dando pasos atrás no camiño avanzado nos últimos anos. Así, por exemplo, en Francia houbo un incremento de 32% nos episodios de violencia machista dentro do fogar no inicio do confinamento; en Irlanda quintuplicouse o número de sentenzas; e en España as chamadas de emerxencia aumentaron en 18%.

Actos desde o domingo

En Europa o Día Internacional da Muller estivo marcado polas restricións pola pandemia, mais non impediu que se organizasen numerosos actos. Nalgúns lugares, como en Francia, adiantáronse xa o domingo, con miles de persoas concentradas en París, Lyon, Montpellier ou Marsella, e foi convocada unha folga feminina para onte, día que concentrou o groso de actos no mundo.

Por exemplo, en Australia centos de traballadoras concentráronse ante os edificios gobernamentais en Sydney para condenar a violencia contra as mulleres e pedir igualdade nos centros de traballo. O  Goberno acaba de lanzar unha campaña millonaria alentando a denunciar cando se é testemuña de faltas de respecto ás mulleres, no medio da polémica pola denuncia por violación o mes pasado de tres empregadas do primeiro ministro, Scott Morrison.

Tamén na India, arredor de 20.000 mulleres uníronse onte aos labregos concentrados desde decembro ás aforas de Delhi en protesta polas novas leis que abren o mercado de produción agrícola aos inversores privados. As mulleres deron discursos e fixeron pequenas marchas.

En Rusia, día festivo, celebrouse con desfiles. O 8 de marzo conmemórase nos antigos países da URSS desde 1917, cando as mulleres gañaron o dereito a votar (a data foi adoptada en 1967 polo movemento feminista, e en 1977 a ONU estabeleceuna como día oficial; aínda que o Día Internacional das Mulleres se celebraba nos EUA desde 1910 e en varios países europeos desde 1911).

Do outro lado do Atlántico, en Latinoamérica, a xornada tamén se viviu con especial intensidade tras un ano de pandemia, cun legado de 118 millóns de mulleres na pobreza, un retroceso sen precedentes na taxa de ocupación e o aumento dos feminicidios. 

En Arxentina, Brasil, Chile, Ecuador, entre outros países, organizaron concentracións, con forte presenza policial nalgúns casos. En México, os edificios oficiais foron valados, e as feministas convertéronos en "muros da memoria", escribindo os nomes das mulleres asasinadas. 

'Feminismo e autodeterminación', seminario sobre as barreiras ás mulleres en política

A Alianza Libre Europea (ALE) organiza mañá un seminario virtual a través de Zoom para analizar os retos que afrontan diariamente as mulleres no mundo da política. "A participación lena e activa das mulleres en política é esencial en democracia", sinalan desde o partido político europeo que representa case medio cento de formacións nacionalistas progresistas da UE. 

O seminario, Feminismo e autodeterminación, comezará ás 18 horas (cómpre rexistrarse na web). Contará con Jule Goikoetxea, investigadora en Teoría Política; Jill Evans, ex eurodeputada do Plaid Cymru; Valentina Servera, da organización xuvenil da ALE; e Lorena López de Lacalle, presidenta da ALE. Cales son as barreiras das mulleres en política e as súas causas e como atinxir unha maior participación serán os temas centrais a tratar.

Comentarios