O enriquecemento na pandemia: cada 30 horas hai un novo 'milmillonario' e case un millón de persoas máis en risco de pobreza extrema

Menos de 3.000 persoas acumulan unha riqueza que xa equivale a 13,9% do PIB mundial, o triplo que no ano 2000.
Cada segundo hai oito persoas máis en risco de pobreza extrema no mundo. (Ilustración: Hyejin Kang)
photo_camera Cada segundo hai oito persoas máis en risco de pobreza extrema no mundo. (Ilustración: Hyejin Kang)

Oxfam Intermón vén de denunciar que, nos dous anos de pandemia da Covid-19, apareceron no mundo até 573 novos milmillonarios, o que supón un novo milmillonario cada 30 horas. Así se recolle no informe 'Beneficiarse do sufrimento', publicado con motivo da reunión do Foro Económico Mundial que decorre estes días na cidade suíza de Davos.

2.668 persoas acaparan 13,9% do PIB mundial

Desde a ONG advirten que a riqueza total que actualmente acumulan estes milmillonarios de todo o mundo —concretamente 2668 persoas— equivale xa a 13,9% do PIB mundial, unha contía que se triplicou desde o ano 2000, cando supuña só 4,4%.

"As fortunas destes milmillonarios non creceron tanto e tan rápido en tan pouco tempo porque agora traballen máis duro ou sexan máis produtivos", apuntou Macías, para precisar que "controlan e invisten en corporacións que se aproveitaron do seu crecente poder de mercado e da desregulación, en moitos casos vulnerando dereitos das persoas traballadoras mentres algúns ocultan o seu diñeiro en paraísos fiscais". Todo iso "coa complicidade dos Gobernos", subliñou.

As fortunas españolas medran a un ritmo de case sete millóns de euros ao día

A organización apuntou que o número de milmillonarios españois da lista Forbes tamén aumentou desde o inicio da pandemia. En concreto, hai catro novos milmillonarios, mentres a riqueza dos que xa o eran antes da pandemia creceu a un ritmo de 6,8 millóns de euros ao día.

Pandemia e guerra, "período de bonanza"

"Para os milmillonarios, a pandemia, así como o conflito en Ucraína e o espectacular aumento dos prezos dos alimentos e da enerxía, están a supor un período de bonanza. E esta realidade contrasta cun claro retroceso nos logros das últimas décadas na loita contra a pobreza extrema a nivel global", explicou Iñigo Macías, responsábel de investigacións de Oxfam Intermón.

Este novo estudo de Oxfam Intermón tamén revela que a nivel global as empresas dos sectores enerxético, alimentario e farmacéutico —que, segundo advertiu, son sectores dominados "por un puñado de empresas con moita concentración de poder"—, están a lograr "beneficios sen precedentes, a pesar de que os salarios das persoas traballadoras apenas aumentaron e teñen que facer fronte ao maior repunte de prezos en décadas, en plena pandemia da Covid-19".

A outra realidade: cada segundo hai oito persoas máis en risco de pobreza extrema

Neste documento, segundo indicou a entidade, tamén se expón o lado oposto desta crise sanitaria: as previsións apuntan que, a finais deste ano, uns 263 millóns de persoas máis poderían verse sumidas na pobreza extrema, isto é, máis de 990.000 persoas cada 30 horas —oito persoas cada segundo—.

Para Macías é "inconcibíbel que haxa persoas que se beneficien da dor e sufrimento alleos". "Algunhas se fixeron ricas á conta de negar un acceso universal ás vacinas en todos os países e outras, ao aproveitarse do aumento dos prezos dos alimentos e da enerxía", apuntou.

Do mesmo modo, denunciou que "as grandes empresas distribúen xenerosos bonus e dividendos mentres reducen a súa contribución fiscal todo o posíbel". "Este aumento da riqueza e da pobreza en paralelo son dúas caras dunha mesma moeda", concluíu.

Comentarios