domingo 25/10/20

29 millóns de mulleres e nenas son vítimas da escravitude

Segundo a Organización das Nacións Unidas trátase do número máis alto da historia
Traballadoras do téxtil en Bangladesh.
Traballadoras do téxtil en Bangladesh. (Foto: Europa Press)

Walk Free, unha entidade centrada no combate á escravitude, vén de facer público un informe elaborado en parcería con diversas axencias da Organización das Nacións Unidas (ONU) onde sinala que 29 millóns de mulleres e nenas son vítimas da “escravitude moderna”. 

Con este concepto designan diversas situacións como o traballo escravo, os casamentos forzados ou os servizos por débedas.

A portavoz da asociación, Grace Forrest destaca que “a realidade é que hai hoxe máis persoas a vivir nunha situación de escravitude que en calquera outro momento da historia da humanidade”.

“Sabemos que as mulleres e nenas están a ser vítimas de niveis sen precedentes de explotación e traballo forzado en cadeas de traballo de produtos que mercamos e usamos todos os días, desde a roupa, o café e a tecnoloxía”, afirma Forrest.

Esta destaca que “estamos a asistir á normalización da explotación na nosa economía, nas cadeas multinacionais de produción de bens e tamén nas rutas da emigración”.

Ao tempo, apunta a que “o informe demostra que o xénero representa unha desvantaxe para as mozas desde a concepción, ao longo de toda a súa vida”. 

comentarios