Pedro Bolaño e o seu papel na historia de Galiza

Pedro Bolaño recibe como herdanza de seu pai o castelo de Torés, asentamento familiar, con tódalas posesións que isto significaba.
O Mariscal Pardo de Cela.
photo_camera O Mariscal Pardo de Cela, sogro de Pedro de Bolaño.

Pedro de Bolaño era fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira, o vello, e de Maior de Baamonde, mais na súa árbore xenealóxica tamén estaban os apelidos Bolaño e Ribadeneira. Segundo os xenealoxistas, o primeiro remóntase ao ano 714 cando os musulmáns intentan tomar Lugo e o segundo está vinculado coa translación do corpo do apóstolo Santiago. Tal vez foi esta notoria antigüidade a que levou a Bartolomeu Sagrario Molina, no 1550, a dicir: “Tamén en Galiza veredes aos Caamaños, notorios fidalgos e bos solares. Hai outros antigos, que son Aguiares, que xa de moi lonxe se perden nos anos. Con estes abrázanse os vellos Bolaños”.

Seu pai, Fernán Díaz de Ribadeneira, ao redactar o seu testamento no ano 1461 posuía territorios nos actuais concellos de Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo, Baleira, Láncara, Monterroso, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro, tendo a súa casa forte en Torés, no concello das Nogais. Vasco da Ponte [historiador galego, 1470-1535] atribuíalle ao citado Fernán un total de 50 lanzas e 1.500 vasalos, polo que estamos a falar dunha considerable forza militar.

Pedro Bolaño recibe como herdanza de seu pai o castelo de Torés, asentamento familiar, con tódalas posesións que isto significaba, ademais dos cotos de Cela, Cedrón, Ribadeneira, terras de Balboa e Cancelada e Baleira, “estando enna felegresia de Santa Marinna de Libran, que é eno vale da Valeyra, termino e senorio de Pedro Fernandes de Bolano, fillo de Fernan Dias de Riba deneira” (23 de febreiro de 1466).

Por parte de súa nai, Maior de Baamonde, señora da casa de Guitiriz e Baamonde, recibe, entre outras propiedades, a Sucesión de Burela, un conxunto de propiedades situadas nos actuais concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro, que pasaban de pais a fillos, dentro da rama dos Baamonde, unidos, sen sufrir mingua algunha. O citado Vasco Daponte cifra o potencial bélico de Pedro de Bolaño en 30 cabalos e 700 peóns, co que tampouco é unha cantidade nada desdeñable.

Xenro de Pardo de Cela

Pedro de Bolaño, rico señor feudal, casa con dona Beatriz de Castro, filla do mariscal Pedro Pardo de Cela, feito que ata agora non está ben estudado, pois moitos autores ven neste matrimonio un engrandecemento de Pedro de Bolaño pola súa vinculación con Pardo de Cela, mentres que eu, pola contra, vexo que o maior beneficiado deste matrimonio será o Mariscal, tal e como xa recollía Vasco Daponte, “dende que foi gran señor o mariscal Pedro Pardo, casou á súa filla, dona Beatriz, con Pedro de Bolaño e sacouse toda a casa de Ribadeneira, que coa casa de Ron melloraba moito e competía con don Diego de Andrade”. Independentemente de que familia fose a máis beneficiada o que é innegable é que a citada voda condicionou a futura actuación de Pedro de Bolaño, xa que se aliou a seu sogro e por ende ao conde de Lemos, dous dos tres grandes inimigos da nova monarquía.

Pedro de Bolaño sempre mantivo unha relación cordial co seu sogro, o Mariscal, marcada pola fidelidade; Vasco Daponte di que o Bolaño sempre ía por onde ía seu sogro. Tamén está a carón do Mariscal cando seu pai, Fernán Díaz de Ribadeneira, se enfronta con Diego de Andrade e o conde de Lemos, no cerco de Pontevedra. Tamén fai gala da súa fidelidade o 18 de febreiro do ano 1482, momento no que Pardo de Cela xa está atrapado na Frouxeira. Para conseguir un reforzamento das alianzas casa a súa filla Leonor de Bolaño con Alonso Vázquez de Cabarcos, señor dos cotos de Cabarcos e de Canedo. Este personaxe aparece nun documento redactado en Mondoñedo no ano 1473 titulándose como “merino enna dita cidade de Vilamayor por meu señor Pero Pardo et seu lugartenente”. Para asegurar esta unión, tanto a matrimonial como a política, dota a súa filla con: “Todos los bienes rayzes e heredades (...), en la parte dellos que vos mas quisierdes que yo he e me pertenesçen aver desde la Puente de la Espinera e Mariñas de Bibero fasta la billa de Bibero”.

Hábil na batalla e nos xulgados

García Oro mantén que a decapitación do Mariscal foi o momento tralo cal os novos monarcas comezan a campaña de acoso e derribo da figura de Pedro de Bolaño, mais xa no ano 1482 as propiedades que Pedro de Bolaño posuía na Mariña sofren o primeiro dos ataques. O protagonista deste artigo demostrou ser cabaleiro hábil tanto no campo de batalla como nos xulgados. Así cando o día 30 de outubro de 1482 García de la Parra, alcalde maior do bispado de Mondoñedo por orde de don Fernando de Acuña, dita unha sentenza xudicial pola cal se obrigaba a Pedro de Bolaño a que “desenbargue et desocupe la dicha Suçesion de Burela con todos los benefiçios, padronalgos de las casas, vinas et herdades, molinos et molineras”, dándolle un prazo de 15 días para levar a cabo esa desocupación, o noso Bolaño decide loitar nos tribunais.

No ano 1484, 2 de novembro, a Real Chancelería de Valladolid ratifica a sentenza dada por García de la Parra ordenándolle unha devolución inmediata da citada Sucesión ao Cabido de Mondoñedo. O Cabido mindoniense tivo que conformarse con poder ocupar varias propiedades da Sucesión, quedando a parte máis importante, a casa Torre e o porto de Burela, en mans da familia dos Bolaño, así podemos ver como á hora de redactar o seu testamento o noso protagonista cede á súa filla Maior as arriba mencionadas propiedades, polo tanto seguían a estar no seu poder e seguirán pertencendo á súa familia até ben entrado o século XVIII.

A chegada dun novo Gobernador, Diego López de Haro, substituto de Fernando de Acuña, que viña coa orde de pacificar Galiza significou o comezo das loitas xudiciais de Pedro de Bolaño. Contra el se foron amontoando acusacións e denuncias das que soubo saír airosamente. Tamén sae vitorioso do enfrontamento que mantivo cos Reis Católicos.

Ameaza das católicas maxestades

Corría o ano 1483, as tropas de Mudarra cercaban o Mariscal e o noso protagonista foi convocado a comparecer ante os reis na cidade de Astorga, sendo obrigado a permanecer nela sen poder entrar en Galiza nin acudir a Vilafranca. En 1486, mentres que as súas católicas maxestades se dirixían a comprobar en persoa o estado de pacificación de Galiza, convocan novamente a Pedro Bolaño, esta vez a citación ía acompañada dunha ameaza nada velada, pois en caso de non acudir corría o risco de “confiscacion de sus bienes e tierras e vasallos e so pena de otras ciertas penas”. Os monarcas amosaban así o seu enfado co noso protagonista.

Cando fora convocado en 1483 ordenóuselle quedar recluído en Astorga durante tres anos, tal vez para que non puidese acudir en auxilio nin do seu sogro nin do Conde de Lemos, que estaba ocupando a vila de Ponferrada, mais o noso protagonista, lonxe de acatar a orde recibida, “se partió del lugar donde nos resydiamos al presente en nuestra corte e donde le avia sydo mandado estar, e se fue fuera, e sin nuestra licencia e mandado, e siendole mandado que no entrase en el Reyno de Galisia ni en el Bierço, especialmente en la villa de Villafranca, en la qual e en otros logares dixo que estovo por tres años”, tal actitude foi castigada pola Audiencia de Galiza. Esta institución reclamaba para Pedro de Bolaño as maiores e máis severas penas que nunca chegaron a aplicárselle porque soubo moi ben escapar da xustiza agochándose e amparándose en inacabables procesos xudiciais.

Máis en Información do Reino
Comentarios