O xuízo de Encarnación fronte ao dos directivos das caixas

Dous días despois do inicio do xuízo contra os directivos de NCG  por cobraren 19 millóns de euros en prexubilacións, Encarnación Santos, de 72 anos, acudirá aos xulgados, canda tres preferentistas máis, acusada de “portar un sacho e unha barra de ferro” na loita para recuperar os seus cartos. VÍDEO NO INTERIOR

encarnaciónsantos
photo_camera Imaxe: GZ Vídeos

Encarnación ten 72 anos, é xubilada e moi miúda de corpo. Mesmo así, o 13 de xullo de 2013 debeu parecer unha ameaza na praza do Concello do Rosal porque foi denunciada por “desobedecer os mandatos de axentes ao portar obxectos contundentes”. Os obxectos contundentes eran unha aixada e unha pequena barra de ferro co que meter ruído na súa loita para recuperar os seus aforros, secuestrados en accións preferentes.. O vindeiro día 10 defenderase no Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra da acusación para conseguir eliminar a sanción. Canda ela, participarán no xuízo outras tres persoas,denunciadas tamén por “alterar a seguridade colectiva” ou “orixinar desordes leves ao insultar ao alcalde”.Desde as Plataformas de afectad@s polas preferentes denuncian que foron “represaliadas polas distintas administracións públicas gobernadas polo PP, mediante as multas e sancións administrativas que se lle impuxeron inxustamente a preferentistas por participar en actos pacíficos de protestas”. As multas ascenden aos 20.000 euros e, polo de agora 32 das 33 sentenzas emitidas déronlle a razón ás vítimas da estafa que aínda están pendentes de nove sentenzas máis. 

“A min pedíronme doce anos de cadea por tres causas penais e aos directivos de entidades que deixaron un buraco de máis de 8.000 euros pídenlle 3 anos que non cumprirán. Igual que se roubaran un paquete de panos nun supermercado Cando menos, que esixiran que devolveran os cartos que levaron, para o que non era preciso un xuízo”, denuncia  Xulio Vicente, da Plataforma de afectados polas preferentes do Baixo Miño que convoca concentracións o día 10 diante dos xulgados de Pontevedra en solidariedade coas persoas sancionadas por defenderen os seus aforros. 

12 anos por defender preferentistas, 3 por arruinar o país

Xulio Vicente foi denunciado polos alcaldes de Baiona e Gondomar -os dous do PP- e por un policía local de Tui, tres causas polas que pedían responsabilidades penais que podían carrexarlle 12 anos de cadea. O papel da fiscalía, con Carlos Varela á cabeza, foi fundamental para que iso non acontecera. “Só por defender a quen esta xente roubou pedíanme catro veces máis do que lle piden agora a eles por arruinar o país e deixar unha débeda que ten que pagar o pobo. Este é un xuízo farsa e mesmo se aprecia na súa posición, cando o avogado di que non se arrepinten, sen ningunha vergoña”, sinala Xulio Vicente mentres estima que a fraude das preferentes afecta aínda a unhas 10.000 persoas que  seguen sen cobrar uns 150 millóns de euros. 

Polo de agora 32 das 33 sentenzas emitidas déronlle a razón ás vítimas da estafa que aínda están pendentes de nove sentenzas máis

“Escotet non cumpriu a súa promesa. Só devolve aos que demandan mais hai moitas persoas maiores que non o van facer nunca. Non vai no seu ADN meter o tema nos xulgados”, apunta o voceiro da plataforma do Baixo Miño ao tempo que lembra que moita xente perdeu milleiros de euros dos seus aforros nunha quita que ía do 27 ao 60%.

Lavado de cara

“Este xuízo é un lavado de cara, unha vergoña. O que hai é que esixir que devolvan o diñeiro. Se levaron esa cantidade é porque llo permitiu a Xunta e para ter que devolvelo non precisaban xuíz. Polo que tiñan que ser xulgados é por saquearen Galiza”, defende Vicente. 

Comentarios