Máis unha muller asasinada na Galiza

A policía considerou a desaparición de María Jiménez como "de alto risco" porque tiñan constancia "por terceiras persoas" de que no ano pasado sufriu un episodio de maus tratos. Ninguén denunciou. O home xa confesou que a asasinou após levala á forza da casa familiar e que o corpo podería estar nas inmediacións de Teixeiro. 

photo_camera Concentración en Compostela de repulsa contra a violencia machista [Imaxe de arquivo]


María Jiménez, de 37 anos. É o nome da última muller asasinada na Galiza por causa da violencia machista. O seu home, de 43 anos, foi detido pola garda civil en Lugo, onde residía a parella, malia que ela era natural de Poio e tiña familia en Vilanova. Foi nesta última localidade onde a viron por derradeira vez, na compaña da súa irmá, quen presentou unha denuncia pola súa desaparición do domingo, 22 de febreiro, após unha visita do home a Pontevedra. 

Segundo explicou a irmá, a intención do agora detido era que María J. --embarazada da súa sétima crianza-- voltase con el para Lugo. E así foi. Testemuñas presenciais describiron como a meteu no carro á forza. A irmá declarou que horas máis tarde el a chamou por teléfono para lle dicir que a muller asasinada desaparecera cando parou nunha gasolineira.

Fontes da investigación citadas por un diario local de Lugo sinalaron que, ao ser interrogado, o home ofreceu unha versión diferente á que dera nesa chamada telefónica, polo que a investigación centrouse nel. Aliás, e malia que ninguén denunciara nunca maus tratos, a policía tiña constancia "por terceiras persoas" de que María Jiménez sufrira un episodio de violencia machista o ano pasado, episodio que ela propia negou cando efectivos da policía contactaron con ela para interpor a correspondente demanda.

Após interrogar de novo o home, unha comisión xudicial encabezada pola titular do xulgado de instrución nº3 de Lugo, Estela San José, buscaron durante varias horas e sen resultados o corpo da muller na contorna de Teixeiro, en Curtis. O home confesou xa que a asasinou após levala á forza da casa da familia dela, en Vilanova, Pontevedra. María Jiménez é a terceira muller asasinada pola violencia machista no que vai de ano, após o asasinato en Rio Covo, Cervo, de Adela R.L. e María Xosé S.L., nai e filla, a mans do compañeiro sentimental da primeira e xenro da segunda.

Comentarios