Un xulgado de Lugo pide ao Supremo que se investigue a Barreiro, presidente do PP na provincia

O que na actualidade é o portavoz da formación popular no Senado podería ser xulgado por tráfico de influencias após unha declaracións do empresario Jorge Dorribo. 

Xosé Manuel Barreiro
photo_camera Xosé Manuel Barreiro

O home forte do PP de Lugo -e unha das apostas de Rajoy a nivel estatal- tampouco se libra da onda de sospeitas e imputacións que ten marcado boa parte da axenda política da provincia nos últimos tempos. Deste xeito, agora é o Tribunal Supremo quen estuda se admite a trámite unha causa por tráfico de influencias contra o presidente do PP de Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, debido a unha petición nese sentido por parte do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo orixinada por unhas declaracións do empresario Jorge Dorribo, principal encausado no Caso Campión.

Segundo diversas informacións, Dorribo acusa o dirixente do PP, que estivo preto de ser o substituto de Manuel Fraga á fronte do PP galego pero finalmente desistiu e dou paso a Feijóo, de facilitar presuntamente a unha empresa dun curmán seu as condicións do concurso de adxudicación do párking do novo hospital de Lugo antes de que fose público.

O Supremo decidirá agora se a causa se admite a trámite e se procede a nomear un instrutor. “É rotundamente falso que eu fixese ningún tipo de xestión nese senso”, defendeuse Barreiro, que dixo sentise “desamparado pero tranquilo”.

Comentarios