Galiza Nova toma a sede da patronal contra "a escravitude" xuvenil

Integrantes de Galiza Nova fecháronse na sede da Confederación de Empregarios de Galiza (CEG) para denunciar a precariedade laboral entre a xente moza. "O PP escraviza a mocidade", denuncian.

640
photo_camera [Imaxes: Galiza Nova]

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, ocupou esta segunda feira a sede que a Confederación de empresarios ten na capital galega. A acción que se prolongou por volta dunha hora visaba denunciar a perda de dereitos laborais que supoñen para a mocidade traballadora "as sucesivas reformas aprobadas polos gobernos do PP e do PSOE", sinalou o seu secretario xeral, Alberte Mera, durante o acto. 

“A día de hoxe a mocidade galega padece unha lexislación laboral que converte os contratos laborais en contratos de verdadeira escravitude e que permite aos empresarios ser os amos das nosas vidas”, denuncian desde Galiza Nova. Neste senso, @s manifestantes simbolizaron "a escravitude á que nos aboca" a reforma laboral coas mans atadas por bridas e esposas. "Estamos fartas de sermos explotadas", berraron no interior do edificio.

“A crise valeu de escusa ao PP para deixarnos en coiros ante os abusos da patronal”, aseguran desde a organización xuvenil ao tempo que denuncian as subvencións públicas percibidas polas empresas privadas "que contraten moz@s por horas e en precario" o que, din, aboca á mocidade á precariedade salarial e a condicións laborais "pésimas". Neste senso, Mera chamou @s moz@s a "combater" o actual marco lexislativo ao berro de "traballo temporal/terrorismo patronal". 

77 moz@s emigran diariamente
Galiza Nova portou faixas durante o feche desenvolvido na sede da patronal en que se podían ler o número de moz@s emigrad@s diariamente en Galiza froito dunha taxa de desemprego xuvenil que rolda o 50% entre @s menores de 30 anos. 

"77 moz@s emigran cada día", denuncian desde a organización xuvenil, unha realidade que, aseguran, advén da falta de oportunidades na propia terra e dunhas condicións laborais que inviabilizan unha saída profesional digna no país. Así, Galiza Nova exixe nun comunicado de imprensa que a Xunta desenvolva un Plan de Emprego Xuvenil "dirixido á inserción laboral da xente moza" e no que se incorporen programas específicos para a súa aplicación efectiva mesmo coa creación dunha "renda laboral" durante o proceso de formación ou o pulo por sectores de actividade que prioricen a creación de emprego entre as faixas de idade máis novas. 

 

Comentarios