Sermos Galiza tamén vai á Folga Xeral

O xornal dixital conxelará a súa edición desde as 17:30h de hoxe até as 0:00h, cando encetará unha cobertura monográfica na que só se publicarán informacións relativas á xornada de folga.

O Grupo de Comunicación Sermos Galiza apoia, por decisión do seu Consello de Administración, a xornada de Folga Xeral convocada para esta cuarta feira 14 de novembro. O plantel de traballadoras e traballadores do medio decidiron, asemade, sumárense unanimemente á mesma.

Para expresar este apoio e constatar que a redacción de Sermos Galiza secunda o paro, o xornal dixital ficará conxelado desde as 17:30 desta terza feira até á media noite, atendendo ao establecido na convocatoria oficial de folga cursada pola Confederación Intersindical Galega. Nese período de tempo non se publicará ningún contido informativo novo, nin se acrecentará ou actualizarán aqueles que xa fiquen publicados con anterioridade. Tampouco se actualizarán as redes sociais do medio.

Durante toda a xornada do día 14 Sermos Galiza permanecerá parcialmente pechado, a través dunha edición especial monográfica na que só se informará do desenvolvemento da xornada de folga, das reacción ou dos feitos informativos ligados a esta convocatoria. Esta decisión, que conta coa adhesión voluntaria da redacción, responde ao propósito de que o medio non cese na súa misión de ofrecer a información precisa en chave galega e ao servizo do pobo, nun día no que obxectivamente esta é máis necesaria.

Sermos Galiza non pechará completamente, desde a certeza de que informando contribuirá máis e mellor ao éxito imprescindíbel da folga, e poderá seguir a ser un espazo para as voces silenciadas polos grandes medios de comunicación, públicos e privados. Silenciamento que se puxo de manifesto nas últimas semanas cunha ben planificada invisibilizacióda convocatoria e sobre todo das súas causas, motivos e argumentos.

Comentarios