Unha ollada AFondo sobre a América Latina invisíbel

Un caderno monográfico coordenado por Duarte Correa aborda a realidade dalgúns pequenos estados de América Latina aos que apenas prestamos atención no día a día mais nos que os intereses de EUA e o imperialismo norteamericano ditan as leis.

Por razóns técnicas esta semana o Sermos Galiza non chegou a todas as leitoras e leitores a quinta feira. Demorou a súa chegada, aos quiosques e ás moradas d@s suscritoras/es, até a sexta feira. Aliás, un erro impediu que o AFondo 'A América Latina invisíbel' fose editado correctamente. Porén, a versión corrixida foi pendurada na nosa loxa e xa podes facerte co caderno por só 0,50€. Se fores subscritora podes acceder a el de maneira gratuíta facendo unha conta de usuari@. 

Duarte Correa coordina o segundo AFondo arredor de América Latina. Un caderno monográfico que visa ollar tamén para outras realidades que amiúdo non son obxecto de análise. Pequenos Estados que ao non faceren parte desa maioría de territorios que desenvolven procesos políticos e sociais transformadores son, as máis das veces, esquecidos. 

Da man de autoras e autores que coñecen ben estas (outras) realidades achegámonos a Honduras, Paraguai e Guatemala. Países onde o militarismo estadounidense, as institucións económicas internacionais e o imperialismo ditan as leis e poñen e quitan gobernos.

8 páxinas para coñecermos o rosto invisíbel da outra América Latina

Da man de Cintia Verónica Ruiz, coordinadora da Comisión de Paz e libre determinación dos pobos da Asemblea permanente polos DH da Arxentina, abordamos algunhas consideracións previas arredor da intervención dos EUA en América latina e o Caribe, unha estratexia de política exterior que se remonta a comezos do século XIX e a proclamación da Doutrina Monroe coa que EUA acuñou á súa veciñanza do Sul como 'patio traseiro'. 

A partir de aí, todos os países latinoamericanos foron considerados parte dos intereses do imperio e, polo tanto, obxecto da súa intervención --as máis das veces pola vía militar. Disto sabe ben Honduras, un dos exemplos máis recentes. "Desde o golpe de Estado contra Zelaya en 2009, os prezos máis que se duplicaron e os salarios caeron máis da metade", sinala Gerardo Torres Zelaya, xornalista hondureño. 

Eleccións en Honduras

A piques de se realizaren eleccións ao Congreso nacional de Honduras conversamos con Gilberto Ríos, secretario xeral da Organización Política Los Necios e dirixente do Frente Nacional de Resistencia Popular (FNRP). Ríos avánzanos que de se realizaren "con todas as garantías" os comicios "é seguro o trunfo" .

Nas páxinas interiores do AFondo achegámonos a Paraguai após do golpe perpetrado polo Partido Colorado contra Fernando Lugo. Da man do xornalista Pelao Carvallo revisamos a situación actual do país e como o goberno de Cartes supón unha "ofensiva neoliberal proianqui para contrarrestar a influencia socialdemócrata liderada por Brasil". 

Tamén así, Andrés Cabanas, xornalista e escritor guatemalteco nos aproxima á realidade do seu pais que se atopa, di, entre o neoliberalismo militarista e a refundación do Estado. 

Presentámosche oito páxinas coas que facérmonos unha idea do que acontece nesas outras realidades da América Latina. 

Comentarios