O novo proxecto independentista empraza as forzas nacionalistas a se comprometeren "na solidariedade" cos presos

A Coordinadora Constituínte do Projecto Independentista (CCPI) recorda que, após a liberdade con cargos de Maria Osório, son aínda oito os cidadáns galegos dispersados nos cárceres do Estado. Sete deles non foron xulgados e ningún foi sentenciado
photo_camera Cadeia humana pol@s pres@s [Imaxe: Maia]


A Coordinadora Constituinte do Projecto Independentista (CCPI) vén de emprazar "ás forzas sociais, sindicais e políticas soberanistas e nacionalistas" a se comprometeren "na asignatura da solidariedade" cos sete cidadáns galegos que se atopan presos e sometidos a dispersión no Estado español. Así mesmo, piden un rexeitamento conxunto á criminalización "desa solidariedade, apresentada como apoloxía do terrorismo".

Así o sinalan nun comunicado enviado á imprensa co gallo da posta en liberdade de Maria Osório, que ficaba encarcerada desde decembro de 2011 e dispersada en Villabona, Asturies, sen ser xulgada. Recordan desde o CCPI que na situación de Osório hai outras sete persoas: Eduardo Vigo, Antom Santos e Roberto R. Fialhega 'Teto', apresados tamén en decembro de 2011; Carlos Calvo, Xurxo R. Olveira e Diego Santín, detidos en setembro de 2012; e Hadrián Mosqueira 'Senlheiro', a quen prenderon en xaneiro deste mesmo ano. Dispersado e á espera de xuízo estivo tamén Telmo Varela. Prendérono en marzo de 2011 e foi xulgado esta semana. Após comparecer, volveu ingresar en prisión sen se ditar sentenza.

"Sempre fóra do territorio galego e sob incumprimento da lexislación penitenciaria estatal e internacional, sometidas a todo tipo de privacións e vulneracións dos seus dereitos". Así describe o CCPI a situación en que se desenvolve a prisión preventiva para os presos "políticos", subliñando de seguido que a Coordinadora asome "as reivindicacións básicas" que o Colectivo de pres@s independentistas fai co xexún que realizan nos cárceres a última sexta feira de cada mes.

Reclaman, xa que logo, a fin da dispersión, o reagrupamento nas prisións da Galiza, que remate o réxime de prisión preventiva que pode prolongarse durante catro anos en aplicación da lexislación antiterrorista, e que se poña fin á "vulneración sistemática" dos seus dereitos. E é aquí onde procuran "o compromiso" das forzas políticas, sociais e sindicais soberanistas e nacionalistas.

Comentarios