Rivera di que Rosalía non era nacionalista e pide que a xente lea máis e mellor

Rosalía deixou escrito "Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!", dignificou o galego e é o símbolo nacional de Galiza por excelencia. A Xunta decidiu conmemorar a súa figura este 8 de Marzo. E con quen vai contar para tal cousa? Con Marta Rivera, unha escritora que ten publicado toda a súa obra en español e ten colaborado con Galicia Bilingüe. A polémica estaba servida. Rivera entrou ao trapo nela no twitter. Nun chío afirma: "Rosalía non era nacionalista" e recomendou "hai que ler máis...e mellor!".
Marta Rivera
photo_camera Marta Rivera

Unha internauta @natinat889 interpelou a Marta Rivera através do twitter. "Como te sintes tendo que homenaxear á escritora feminista e nacionalista galega por excelencia?", inquiriulle. A resolta xornalista e escritora, coñecida polo seu activismo contra a normalización da lingua galega, retrucou en español: "Feliz e orgullosa. Por certo, Rosalía non era nacionalista. Hai que ler máis... E mellor!".

"E logo que era", voltou a terciar @natinat889, ao que Rivera repuxo: "Unha escritora excelente que rexeitaría o tinglado que montaron algúns arredor da lingua que usou en parte da súa obra". @natinat889 tomou folgos e concluiu: "O que rexeitaria seria a figura de chorona que algúns lle atribuen... "pobre Galiza non debes chamarte nunca española".

A indignación que a designación desta escritora levantou en amplos sectores da cultura galega, e tamén nas redes sociais, interprétaa a colaboradora de Galicia Bilingüe como un ataque político do BNG. "Levo todo o día a receber insultos no meu TL porque o BNG non me considera adecuada para ler en público versos de Rosalía de Castro", di no seu twitter.

Comentarios