Un manifesto defende o futuro de Ferrol con seis medidas de actuación para o sector naval

Contra unha situación de “reconversión permanente” que eliminou 10.000 postos de traballo nos astaleiros de Ferrol desde 1976, a CIG-Metal promove un manifesto no que se recollen seis medidas de actuación centradas na dinamización do sector naval, clave de desenvolvemento da comarca.

Ferrol
photo_camera Ferrol

Desde 1976 perdéronse 10.000 postos de traballo nos estaleiro da ría nunha comarca que está en situación límite de resistencia polo continuo desmantelamento do sector naval nunha “reconversión permanente”. Desta situación parte o manifesto que promove CIG-Metal e no que se establecen seis puntos de actuación para o futuro dun sector económico sobre o que pivota o desenvolvemento da comarca.

O manifesto reclama, en primeiro, lugar, carga de traballo para os estaleiros, despois de denunciar que os últimos planos centráronse en reducir Astano “a mero taller de Bazán e substituír persoal das principais por persoas das compañías auxiliares, eventuais na súa maior parte, condenados a desaparecer pacificamente cando as circunstancias produtivas así o requerisen”.

Como segunda medida, a CIG-Metal reclama a recapitalización inmediata de Navantia coa oposición a calquera plano que implique perda de postos de traballo. Constitución dun Complexo Integral para a construción naval na ría de Ferrol que estaría composto por Astano xunto con Navantia Ferrol é o cerne do terceiro punto do manifesto que insire a proposta no sector público “con capacidade independente e sen restricións e mercado, fuxindo do monocultivo militar”.

A Xunta no consello de administración

Constituído o complexo integral, a CIG-Metal propón que a Xunta se incorpore ao seu consello de administración e participe do seu capital social. A seguir reivindica un plano de reindustrialización, liderado polo goberno galego coa busca de novas áreas de negocio, fitando de maneira especial por aquelas de alto valo tecnoloxico. Finalmente, o manifesto recolle a necesidade de medidas para o financiamento da construción naval a través de subvencións do ICO que “corrixan d diferencia dos tipos de xuro interno do estado español cos dos estados competidores”. Ao seu ver, manter Astano na situación actual ao tempo que a comarca agoniza supón un “delicto social” que se atreven a cualificar de “lesa humanidade”.

 

Comentarios