Manifesto das Alcaldías do BNG en solidariedade coas vítimas das preferentes e contra a lei da administración local

Alcaldesas e alcaldes do BNG reuníronse hoxe en Santiago para daren a coñecer un manifesto en solidariedade coas vítimas das preferentes e contra a lei da administración local que prepara o PP (por afortalar as deputacións e pór en risco a prestación de servizos básicos). Sobre as preferentes, as alcaldesas e alcaldes do BNG denuncian a drenaxe de 600 millóns de euros de Galiza ao Estado.

Alcaldes BNG
photo_camera Alcaldes BNG

O poder municipal en mans do BNG compareceu hoxe por vez primeira co novo portavoz nacional da organización frentista, Xavier Vence. Fíxoo para expresar a súa solidariedade coas persoas vítimas da estafa das preferentes e para mostrar a súa oposición ao anteproxecto da lei de administración local, por potenciar as deputacións e pór en risco, segundo a súa opinión, a prestación de servizos básicos.

Os rexedores nacionalistas -cos que tamén compareceu a nova responsábel de Política Municipal do BNG, Goretti Sanmartín- comprométense a poren en marcha desde os gobernos locais que presiden accións que permitan que "non se perpetúe este roubo a galegas e galegos".

A estafa representa, de acordo coas avaliacións do BNG, unha drenaxe de recursos de Galiza cara aos circuítos financeiros do Estado español. Cífrana en 600 millóns de euros. Cualifican a quita do 43 por cento de "expropriación inxusta e roubo a máis de 62.000 familias deste país que son veciños e veciñas nosos".

A respeito da súa crítica ao anteproxeto da lei de administración local, para alén de denunciar o fortalecimento das deputacións, expresan a súa oposición a que "desaparezan as funcións dos concellos de menos de 20.000 habitantes", competencias que pasarían a ser absorbidas polas corporacións provinciais.

Comentarios