Máis de 200 persoas protestan na Estrada contra as granxas de visóns

A plataforma convocante reuniu polo momento 19.000 sinaturas contra a apertura de novas granxas na Galiza, que concentra o 80% destas instalacións no estado. 

Concentración na Estrada contra as granxas de visóns
photo_camera Concentración na Estrada


Máis de 200 persoas manifestáronse este sábado na Praza do Concello da Estrada contra a futura instalación de dúas granxas de visóns na comarca pontevedresa, promovidas por empresas estranxeiras, afectadas pola prohibición destas prácticas en varios países europeos. 

“Estamos moi satisfeitos co apoio recibido. Xente de todo o país achegouse para mostrar a súa oposición a estas granxas, onde os visóns son torturados e asasinados para obter a súa pel”, asegura Nelly Tafalla, unha das promotoras da plataforma ‘Non as granxas de visóns na Estrada’.

O 80% das granxas de visón do estado español están na Galiza.

O movemento comezou en 2014, cando se deu a coñecer o proxecto, e non parou de medrar. Dende entón, conseguiron reunir máis de 19.000 sinaturas en contra destas instalacións en Change.org e centos delas a pé de rúa. A concentración contou co apoio da Asociación Animalista Libera e de formacións políticas como o BNG, Podemos, PSOE e Esquerda Unida.

Detrás da granxa que se proxecta no municipio pontevedrés está unha sociedade holandesa, que opera a través dunha xestora local chamada Visotecnic. Os promotores pretenden instalar criadeiros con capacidade para 14.000 nais de visón para acadar unha produción anual de até 60.000 peles. 

Maltrato animal e dano medioambiental

Os opositores consideran estas granxas unha fonte de maltrato animal. Os visóns viven dende que nacen en pequenas gaiolas até que son sacrificados, gaseados ou electrocutados. En moitos casos, os animais aínda están vivos cando se lles esfola a pel. Apuntan a que existen a día de hoxe materiais sintéticos que permiten renunciar a estas prácticas.

Os opositores apuntan a que existen a día de hoxe materiais sintéticos que permiten renunciar a estas prácticas.

Outra das consecuencias é a medioambiental. Destacan que a granxa da Estrada ficará próxima a unha toma de auga, que resultaría afectada pola filtración dos excrementos dos animais. Tamén apuntan ao risco que pode supoñer para o ecosistema local a introdución de visóns americanos, unha especie moi invasora.

Os produtores de peles defenden que estas instalacións xeran miles de empregos, cuestión que rexeita a plataforma. Aseguran que unha decena de persoas son suficientes para xestionar unha granxa desa magnitude e sinalan a precariedade dos postos no sector. En negocios similares na Galiza, din, os salarios están sobre os 500 euros anuais.

Comentarios