sábado 11.07.2020

Gayoso elude responder perguntas chave e sobre as preferentes di que actuou con boa fe

O ex presidente de Caixa Nova, coa cumplicidade do presidente da comisión de investigación (PP),  renuncia á autocrítica e despreza o Parlamento ao negarse a responder varias preguntas, como as que aludían á burbulla inmobiliaria ou ás escandalosas indemnizacións dos directivos, das que non falou porque “están baixo investigación xudicial”. Usando o castelán en todo momento, afirmou que a caixa que lideraba “estaba en contra da fusión”, cuxo fracaso atribúe ás “duplicidades”.

Julio Fernández Gayoso na comisión de investigación das caixas [Imaxe: SG]
Julio Fernández Gayoso na comisión de investigación das caixas [Imaxe: SG]

Con certa arrogancia maquillada, desprezando o Parlamento de Galiza ao non responder ás preguntas directas [email protected] [email protected] e moi lonxe da autocrítica ou de pedir perdón polas súas responsabilidades na desaparición das caixas, Julio Fernández Gayoso, o antigo máximo dirixente de Caixa Nova, compareceu ante a Comisión parlamentar que investiga os escándalos das entidades de aforro galegas botando balóns fóra e sen aclarar o seu papel na desfeita financeira, o que provocou un importante enfado na oposición.

Gayoso negouse a falar sobre as xubilacións -el dixo “compensacións”, o que xa supón unha forma de valorar- que cobraron os directivos das caixas fusionadas coa escusa do consello dos seus avogados, “posto que hai unha investigación da Audiencia Nacional na que estou imputado e non quero interferir”. A outro tema polémico e fulcral para a comisión parlamentar como é o da estafa das preferentes e subordinadas apenas lle dedicou o financeiro vigués un minuto: “Firmei unha emisión de preferentes e actuamos de boa fe, tanto que até dous mil compañeiros meus da caixa as compraron e agora teñen quitas. Só espero que os pequenos aforradores recuperen o cen por cen dos cartos”, dixo como cumprindo o expediente.

Si falou máis Gayoso sobre o proceso de fusión entre Caixa Nova e Caixa Galicia, do que dixo que a súa entidade “estaba en contra”, xa que traballaban unha SIP “co mellor de España”.  Porén, o que tamén foi copresidente da entidade resultante negou que “existise un plan para acabar coas caixas” como suxeriu o BNG, do que, dixo, que “dispara con bala”. Malia as dúbidas xeradas pola súa xestión, Gayoso preferiu culpar do fracaso de Novacaixa Galicia ás “duplicidades”, aos “decretos de recapitalización que foron unha bomba” e ao “traumatismo do proceso, o máis difícil” do Estado, segundo el. “Era fusión ou a morte”, indicou.

Jorquera denuncia que entre a información que manexa a comisión non figuran as actas dos consellos de administracións das caixas

O antigo presidente de Caixa Nova, que en todo momento se expresou en castelán, foi quen abriu as quendas de palabra e o fixo defendendo a súa xestión sen a máis mínima referencia a toda a problemática que obrigou a crear a Comisión Parlamentar ante a que comparecía. Nesa intervención inicial que o BNG cualificou de “propia dos mundos de Yupi” e AGE como “tomadura de pelo”, Gayoso até atribuíse a creación da Universidade de Vigo: “Eu mesmo fun a Madrid a falar cun ministro que me dixo que tiñamos que pagala. Sen a Caixa non habería Universidade no corazón industrial de Galicia”, dixo con fachenda. Ademais, fixo fincapé na obra social, defendeu as cifras coas que chegou Caixa Nova a 2008, o ano do estoupido da crise, suxeriu que o aforro galego era pouco e só lamentou terse centrado moito “en España e menos en Europa e América do Sur”. Acabou os seus discursos pedindo apoio a Novagalicia Banco e á súa directiva.

Pola súa banda, @s portavoces parlamentares dirixíronse a Gayoso mediante valoracións e cuestións que non sempre atoparon resposta no antigo financeiro. Por parte do BNG, Francisco Jorquera preguntou pola existencia de actas dos consellos de administración das caixas, posto que de existiren as mesmas non aparecen na documentación que manexa a Comisión. O voceiro nacionalista tamén recordou que Gayoso afirmou no seu día que as escandalosas xubilacións por valor de vinte millóns de euros que cobraron os directivos das desaparecidas entidades eran “merecidas polo traballo que provocou o éxito da caixa” e cuestionou o feito de que Caixa Nova teña centos de vivendas en Seseña (Toledo), da promoción de 'El Pocero', todo un símbolo da especulación inmobiliaria. Por último, Jorquera -que insistiu en que se lle respondesen as preguntas- lembrou que o BNG votou en contra da forma concreta que adoptou a fusión das caixas, ao non concordar coa súa formulación final, ao contrario do que fixeron PP e PSOE.

AGE optou por non formular ningunha pergunta a Gayoso

Yolanda Díaz, portavoz de AGE -Xosé Manuel Beiras non acudiu á sesión- cualificou de “paripé” a comisión e de “burla” as declaracións de Gayoso polo que anunciou que a súa función se limitaría á de”observación”. “Como responsábel da catástrofe financeira deste país onde nos gustaría velo é esposado, diante duns tribunais”, espetoulle a deputada ao ex presidente de Caixa Nova. Pola súa parte, Abel Losada do PSOE criticou tamén a Xunta pola súa xestión na fusión das caixas e Pedro Puy, do PP, lanzou algún reproche, pero afirmou que Gayoso “ten un legado defendíbel que o país lle debe agradecer”.

Gayoso ten un "legado defendíbel" que o país "lle debe agradecer", di Puy

No exterior do Hórreo, manifestáronse unhas decenas de [email protected] polas preferentes, cuxas bucinas eran perfectamente audíbeis na sala onde se celebraba a sesión.

comentarios