Ferrol sae á rúa este domingo na defensa do naval

A comarca de Ferrol sairá á rúa este domingo día 30 de marzo nunha manifestación convocada polos Comités de empresa de Navantia e da industria auxiliar na defensa do sector naval. A marcha sairá ás 12 horas do Inferniño. 

Traballo Navantia
photo_camera Traballo Navantia

Os Comités de empresa de Navantia e da industria auxiliar convocan unha nova manifestación para este domingo día 30 de marzo con saída ás 12:00 da praza do Inferniño. Reclamarán na nova mobilización o desenvolvemento do sector como única posibilidade para poñer freo aos elevados índices de desemprego na comarca. 

Para os comités convocantes o anuncio da construción do flotel para Pemex non abonda diante da perda de emprego do sector e reclaman máis unha vez, o dique flotante e máis carga de traballo como unha vía de saída á difícil situación de Ferrolterra. Desde as entidades convocantes lembran que nos últimos meses perdéronse máis de 3.600 empregos das empresas auxiliares cando a construción do flotel só significará menos de trescentos postos de traballo. A manifestación que sairá do Inferniño transcorrerá por distintas rúas do casco histórico para rematar diante do Pazo Municipal, onde se lerá un manifesto. 

Comentarios