O estado da nación, a debate

Primeiro debate do estado da nación da lexislatura. Primeiro debate do estado da nación despois das fotos de Feijóo con Marcial Dorado. Primeiro debate do estado da nación co PSdG cun novo líder, Besteiro, fóra do Parlamento. Primeiro debate do estado da nación despois da escisión sofrida polo BNG, con Beiras partillando grupo parlamentar con Esquerda Unida (con deputados do PCE). O estado da nación, a debate. Entre o españolismo e o soberanismo. Entre o neoliberalismo e as alternativas de esquerda. 

Parlamento de Galiza
photo_camera Un aspecto do pleno do Parlamento galego

Nunha democracia minimamente avanzada, difícil tería sido que Feijóo chegase politicamente vivo a este debate -que comeza esta terza feira e se prolonga até a quinta- após se coñecer as súas relacións de amizade cun narcotraficante. Tampouco tería sido doado que chegase en condicións mínimas de presentar batalla após se consumar o espolio do aforro galego -con Novagaliciabanco a piques de ser absorbida por tabeiróns financeiros alleos ao país-, en plena parálise de sectores tan relevantes como o naval -coas falsas promesas de Pemex xa desmentidas pola realidade-, o eólico ou o leiteiro ou despois do seu consumado fracaso en política económica, coa débeda triplicada e un paro gallopante e desbocado.

Jorquera  comporá un discurso en que o elemento social e o nacional son as dúas caras da mesma moeda

Mais o certo é que Feijóo non chega morto politicamente a este debate. Mesmo até repunta na bolsa madrileña, após ter protagonizado a capa do diario El Mundo, que conspira abertamente por desprazar a Rajoy da Moncloa. Que explica a supervivencia de Feijóo? Hai como mínimo dous factores. Primeiro, a blindaxe mediática da que goza. Non só domina a pracer os meios públicos, mais gubernamentalizados que nunca, senón que ademais a hexemonía conservadora sobre os privados é absoluta. O segundo, a evidencia de a oposición non acabar de callar unha mensaxe alternativa. Entre outras cousas, polo seu obvio pluralismo interno: non hai unha oposición, hai distintas oposicións. Certo é que ten algún denominador común -a defensa dos servizos públicos-, mais tamén é verdade que nen hai nen pode haber un único relato alternativo na oposición. O BNG pon o acento na soberanía, ligada, iso si, á defensa dun padrón económico antagónico ao neoliberal. PSOE e AGE basean o seu discurso na defensa do público e nunha mensaxe basicamente socialdemócrata, se ben Beiras non dubida en a adubiar con mensaxes rupturistas na forma, máis ben viradas para a construción dun novo réxime político no Estado do que focadas na política nacional galega.

Oferta de pactos

A fontanería do PP filtrou aos meios que Feijóo ofrecerá pactos á oposición. Monte Pío gosta de falar da oposición como un tótum revolutum, mas tamén como un actor político homoxéneo, non plural. Din hipocritamente que botan en falta un liderado na alternativa e pergúntanse se Besteiro terá a capacidade de se abrir paso. A seguir, lanzan o predecíbel mísil contra as forzas de esquerda, ás que tildan de radicais.

Feijóo atacará o soberanismo e presentará Galiza como modelo, mentres Méndez Romeu baterá no PP pola súa política antisocial

Feijóo non dubidará en presentar Galiza como modelo para o resto do Estado, que é tanto como presentarse a si mesmo como delfín de Rajoy. Atacará o soberanismo e postulará unha visión de Galiza como un país integrador, bilingüismo harmónico, etc, un país con persoalidade propia, si, mais tamén unha provincia española.

O BNG erguerá a bandeira da soberanía, da capacidade de decisión de Galiza, como única forma de rachar a dependencia e como estratexia para saír da crise. Jorquera esforzarase por compor un discurso en que o elemento social e o nacional son as dúas caras da mesma moeda. Non hai saída para Galiza no actual marco político, argumentará, mais os cambios radicais que son precisos se teñen que dar en clave galega, en clave autocentrada, non co ollar posto en Madrid, nen moito menos con dependencia orgánica de forzas estatais. Por aí irá o seu discurso.

Tépedo autonomismo

No seu debú nestas lides, Méndez Romeu asumirá o rol de portavoz de Besteiro na cámara. Tentará situarse nunha posición centrista, como unha forza tranquila e con capacidade de goberno. O seu será un discurso nidiamente centro-esquerdista. Atacará a Feijóo pola súa política anti-social. Apenas haberá nas súas palabras marxe para un tépedo autonomismo.

Beiras combinará as súas calculadas doses de radicalismo verbal cun discurso basicamente socialdemócrata

Beiras, mentres, combinará as súas calculadas doses de radicalismo verbal cun discurso basicamente socialdemócrata, como antídoto fronte ao andacio neoliberal, moi na liña do que está a defender IU no Estado. Atuará como portavoz dun grupo formado por dúas forzas políticas que proveñen de tradicións moi distintas. Non o vive como drama, após ter teorizado mesmo en campaña eleitoral que neste momento é preciso rachar as fronteiras que historicamente arredaron o nacionalismo do españolismo, e após ter dito que neste momento Galiza non ten forzas por si propria para rachar co Estado español.

Estrutura do debate esta terza feira 15 outubro:

10 horas.- Intervención de Feijóo. Sen límite de tempo.

16 horas. Intervención dos portavoces dos grupos parlamentares. 40 minutos para cada un deles. Comeza Francisco Jorquera, continúa Beiras e conclúe Méndez Romeu.

Feijóo ten tempo ilimitado para contestar aos grupos da oposición, de forma individualizada ou en conxunto.

A seguir, os portavoces teñen unha réplica de 10 minutos, despois da cal fecha o debate o presidente da Xunta, outravolta sen límite de tempo.

O debate continuará cuarta e quinta feira coa substanciación das propostas de resolución, iniciativas que por vez primeira, e após así o acordaren PP e AGE, están limitadas a 50 por grupo parlamentar.

Comentarios