A dirección da Escola de Restauración de Pontevedra demite para presionar a Xunta a prol da integración das ensinanzas artísticas na Universidade

A equipa directiva da escola presentou a súa demisión en bloque após a Xunta de Galiza declinar responder ás súas demandas. Exixen, xunto a Asemblea aberta de ensinanzas artísticas, a "converxencia real" das titulacións ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES). 

Pontevedraviva
photo_camera [Imaxe Mónica Patxot/PontevedraViva]

A dirección da Escola de Restauración de Pontevedra presentou a segunda feira (17 de marzo) a súa demisión en bloque. A súa decisión visa presionar a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que adscriba a titulación --impartida na cidade de Pontevedra-- á Universidade de Vigo. 

Desde hai meses, estudantes, profesorado e equipas directivas das ensinanzas artísticas demandan unha "converxencia real" destes estudos ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES). O Estado español, xunto con Italia, son os dous únicos Estados membros que non homologaron estas titulacións aos graos universitarios.

Exixen que as Ensinanzas artísticas sexan un grao universitario de igual maneira que acontece no resto de Europa

"Non sabemos se é unha decisión consciente, se é algo pactado ou se se trata de pura desidia", asegurou o director da Escola de Restauración, Fernando Carrera quen alerta desde hai meses da situación que está a atravesar o centro perante a inacción da Xunta de Galiza. 

E é que o goberno galego e, no concreto, o responsábel de Educación, Jesús Vázquez, leva medio ano --desde setembro-- sen atender as demandas do estudantado, profesorado e mesmo familiares d@s alumn@s de ensinanzas artísticas que, asemade, veñen de constituír esta fin de semana no Milladoiro unha Asemblea Aberta a prol da converxencia destas titulacións. 

Desde a equipa directiva da Escola de Restauración sinalan que a súa demisión reflicte a súa vontade de "non ser cómplices do desatino organizativo" destas escolas que ano a ano perden alumnado en favor doutros centros, moitos deles privados, que si ofrecen a homologación ao espazo europeo. 

Cumpre lembrar que o Consello escolar de Restauración xa presentara a súa demisión en setembro de 2013 perante a falta de resposta da Xunta ás súas demandas. 

Comentarios