Cinco detidos en 17 rexistros en 6 concellos e a Deputación de Pontevedra

O concelleiro de Obras de Nigrán e 4 persoas vencelladas a 2 empresas entre as arrestadas. A 'Operación Patos', relacionada con concesións públicas de zonas verdes, continúa aberta. Entre as dependencias ás que accederon os axentes estaría, segundo EP, o despacho de Rafael Louzán na Deputación pontevedresa.

diputación-provincial-pontevedra
photo_camera Deputación de Pontevedra

Unha operación dirixida polo Xulgado nº7 de Vigo en institucións públicas de diversos concellos galegos, e que continúa aberta, leva polo de agora 5 persoas detidas, unha delas concelleiro de Obras en Ponteareas. O operativo, denominado Patos, non ten vínculo coa Pokemon, se ben se está a desenvolver en relación a concesións públicas. Ademais do edil detido, J.A. Álvarez, tamén se arrestou a 4 persoas relacionadas coa empresa privada. Están acusados de presuntos delitos de prevaricación, suborno a funcionari@s, tráfico de influencias e falsidade documental.

Os axentes están a requisar contratos de mantemento de zonas verdes, de saneamento ou mesmo de construción de campos de fútbol

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) informa de 17 rexistros realizados, tanto en moradas particulares como en locais vencellados á empresa Cespa SA, Eiriña S.L. e os seguintes organismos oficiais: delegación da Xunta en Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, concellos de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán e Ponteareas,Consorcio do Casco Vello de Vigo e a Autoridade Portuaria de Vigo.

Entre as dependencias ás que accederon os axentes da Policía Nacional estaría o despacho do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Comentarios