En marcha unha homenaxe ao primeiro alcalde nacionalista da Coruña após a ditadura, Domingos Merino

Na Praza de María Pita, na que se atopa o concello da Coruña, a actriz Isabel Risco e o músico Xurxo Souto presentarán esta cuarta feira a homenaxe que a semana que vén se lle tributará ao primeiro alcalde da Coruña despois da ditadura franquista, o nacionalista Domingos Merino. 

Domingos Merino
photo_camera Domingos Merino

A homenaxe, impulsada por militantes do BNG, coincidirá co 35 aniversario de Domingos Merino á alcaldía da Coruña, nunha corporación composta por 7 concelleiros nacionalistas, 5 de Unidade Galega da que formaba parte e 2 do BN-PG. “Comercial por profesión, francófilo por devoción, mestre axedrecista por afección e boa persoa por natureza”, define Isabel Risco a un home que padeceu desde o seu cargo presidencial no goberno municipal os ataques de poderes empresariais, mediáticos e relixiosos que o levarían a súa saída da alcaldía dous anos despois. 

 “A Coruña que puido ser e non foi, pensa moita xente, pero en certa maneira si que foi, talvez doutra maneira, pero foi, senón non estaríamos nós aquí e agora”, valora Xurxo Souto. De todas maneiras, ao goberno de Merino débenselle infraestruturas educativas e sanitarias, o saneamento e as comunicacións nos barrios, a humanización da cidade e a democratización da institución local, que mantivo as portas abertas á cidadanía. 

Cunha longa traxectoria política Domingos Merino apostou no seu momento pola unidade do nacionalismo, pasando a militar no BNG nos anos noventa, formación pola que sería deputado en dúas lexislaturas. Até o 2012, e a proposta da fronte nacionalista, Merino foi vicevaledor do pobo. 

A homenaxe a Domingos Merino conta cunha páxina en facebook na que a organización está a publicar informacións sobre a súa traxectoria política e persoal e sobre o acto da próxima semana. 

Comentarios