Casos que tumban a austeridade do PP

Paisaxe lapona na Coruña, a conmemoración do aniversario dunha misa, pistas de padle no rural ou transportar monumentos de pedra a Compostela son algúns dos exemplos que tumban a austeridade do PP, emblema co que Núñez Feijóo leva concorrendo ás urnas en dúas ocasións.
Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cidade da Cultura

Un total de un millón de euros é o gasto que o Concello de Coruña dedicará á campaña de Nadal. O grupo municipal do BNG denunciou ao alcalde do PP polo derroche en tempo de crise dunha cantidade que destinarán, entre outras accións, a construír un poboado de Papa Noel na praza de María Pita, ao que dedican 72.500 euros. A organización da cabalgata de Reis conta cun orzamento que supera os 50.000. A denuncia veu acompañada dun relatorio de accións, en especial de carácter lúdico, ás que o PP da Coruña dedicou unha parte importante dos orzamentos: 1 millón nas festas, 500.000 euros en 3 días de Tall Ships Races, 500.000 euros nun partido amigábel de baloncesto ou 300.000 euros en botar abaixo a mediana da Avda de Oza.

A austeridade do PP queda en cuestión nun programa como o do Nadal da Coruña, mais tamén coa exposición Gallaecia Petrea da Cidade da Cultura, na que a Xunta investiu máis de 1,5 millóns de euros, con trasporte e montaxe de pezas de grande tamaño traidas desde distintos puntos do país e do Norte de Portugal. Especialistas en patrimonio criticaron a conveniencia de transportar tesouros de pedra de grande tonelaxe cando se está a reducir o destinado á súa promoción e conservación. Os datos da mostra nunca se fixeron públicos mais unha coñecida muller do mundo da arte, Rosa Olivares, denunciou na publicación dixital Exit Express que só o comisariado da mostra ascendía a 50.000 euros cando, o máximo que se paga por este concepto é de 12.000.

Depois de eliminar a liña de axudas ás asociacións culturais, a Consellaría de Cultura sorprendeu outorgándolle á Asociación Galicia Milenio, Foro de Pensamiento y Opinión -vencellada ao Opus Dei- mediante un convenio publicado no DOG do 5 de outubro a cantidade de 21.240 € para conmemorar os 80 anos da misa de Rosalía.

Tampouco o rural se libra dos singulares dispendios do PP e así vanse destinar mái sde catrocentos mil euros de AGADER para contruír pistas de padle en oito concellos, enre eles, Forcarei, Santa Comba ou Rodeiro. Sesenta mil van parar a unha pista de skate en Carral.

Comentarios