luns 06.04.2020

Unha campaña reclama os 300.000 de Enrique Iglesias para os grupos de música galegos

Que a Xunta retire os 300.000 € que deu a Enrique Iglesias para o seu videoclip e os reparta entre os grupos da música galegos. É o que reclama unha campaña de recollida de sinaturas que botou a andar na rede. 

Enrique
Enrique

“Que a Xunta lle reclame os 300.000€ a Enrique Iglesias e que reparta esa mesma cantidade entre os grupos de música galegos”, ese é o obxectivo da campaña que botou a andar na plataforma Change na que se están a recoller sinaturas de protesta contra a decisión do goberno de Feijóo de patrocinar o vídeo da canción “De noche y de día”. 

“Nin é en galego nin fala da nosa terra”, din na explicación da oposición a que eses cartos revertan no peto de Enrique Iglesias cando “hai centos de bandas galegas que merecen moito máis un empuxón promocional que axude a dinamizar o sector e a industria musical galega”. 

Demandan así que a Xunta poña ao dispor dos grupos unha subvención cunha cantidade equivalente aos 300.000 euros que se repartirán entre “todas as bandas e artistas que verdadeiramente defendan e acrediten promocionar Galiza, ben sexa utilizando o idioma propio ou ben creando textos que falen da nosa Terra”. 

Dispendio e aldraxe 

Cualifican de “dispendio e aldraxe para os grupos de música galegos” o destino dos 300.000 euros “dilapidados” en apoiar a gravación da rave de Enrique Iglesias, como sinalan no texto recollido na plataforma Change desde a que están a solicitar sinaturas de apoio en carta dirixida á Xunta de Galiza. 

300 bandas con vídeos a 1.000 euros 

Quen promove a campaña é Xavi Castro, da banda Raiba que van sacar agora un vídeo elaborado por unha produtora galega e non contou con ningunha axuda pública. “Con 1.000 euros a nosa banda gravaría dous vídeos e facemos un traballo maior de promoción do que é Galiza, tanto na lingua como na música. Cos cartos que se destinan a Enrique Iglesias máis de 300 bandas poderían gravar os seus vídeos de promoción e dinamizaríase un sector enteiro”, explica, da filosofía que o levou a iniciar a campaña. 

Nos festivais cadra con moitas bandas que confesan que non teñen oportunidade de ter ningún apoio . Cada vez é máis difícil conseguir concertos, gravar discos ou facer campañas promocionais. “O que fixeron con Enrique Iglesias foi como lanzarnos unha luva para que a recolleramos e protestemos”, defende Xavi Castro. 

comentarios