sábado 29/01/22

A Aula Castelao despide a semana da revolución

Coincidindo co 40 aniversario da Revolução dos cravos, a Aula Castelao dedicou a súa Semana Galega de Filosofía aos procesos de transformación desde múltiples perspectivas.

Semana galega de filosofía
Semana galega de filosofía

A Aula Castelao deu por clausurada a Semana Galega de Filosofía esta sexta feira (25 de abril). Na mesma data en que se producía o levantamento militar e popular que poría fin á ditadura salazarista en Portugal, Galiza acolleu o remate dunhas xornadas que quixeron contribuír a reflexionar sobre as mudanzas políticas, económicas e sociais que conleva calquera proceso verdadeiramente revolucionario. Mais tamén, sinalaron desde a Aula Castelao, arredor da "necesidade dunha mudanza na base, unha revolución" face un sistema alicerzado na desigualdade e a explotación das maiorías sociais. 

"Outro mundo, outra sociedade é  posíbel, non outro capitalismo. Por moito que se reforme non poderá ser igualitario. A clase traballadora, os desposuídos os pobos colonizados deben tornarse suxeito político consciente", aseguraron.

Neste senso, múltiples persoas de grande relevancia nacional e internacional compuxeron un amplo abano de voces e perspectivas coas que ollar a revolución. Marxismo, ecoloxismo e feminismo déronse a man nunha ducia de ponencias das que tomaron parte nomes como Terry Eagleton, Santiago Alba Rico, Farruco Sesto, ex-ministro da Venezuela Bolivariana, ou a artista visual María Ruído quen reivindicou na súa intervención "a vida como espazo de transformación" e "o persoal" como concepto, tamén, "político". 

A vixencia e actualidade do pensamento marxista no centro das xornadas

Nun intre onde a crise económica, enerxética, política e mesmo social está a abrir novas fendas no réxime imperante, a Semana Galega de Filosofía reflexionou sobre a opresión, os recortes en dereitos e liberdades fundamentais, ou as novas tecnoloxías como ferramentas para o cambio. 

Aliás, diversos autores debruzáronse sobre a vixencia do pensamento marxista no marco da crise do capitalismo, habida conta, asegurou Eagleton que "o capitalismo é un dos grandes preservadores de Marx". 

A clausura correu a conta do ex-ministro do goberno de Venezuela, Farruco Sesto quen debullou as transformacións acometidas pola revolución bolivariana, a realidade actual que atravesa o executivo de Nicolás Maduro, os retos face o pasamento de Chaves e os movementos desestabilizadores da oposición. 

Sermos Galiza difundiu ao vivo as xornadas e todos os vídeos poden ser visualizados nesta ligazón grazas ao sinal disponibilizado por GzVídeos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A Aula Castelao despide a semana da revolución
comentarios