As imaxes da Patria e do nacionalismo nos cartafois de Xaquín Soliño

Inauguramos as galerías do xornal cunha selección de imaxes de Xaquín Soliño de distintas convocatorias do Día da Patria Galega. Arredor de trinta anos de nacionalismo galego en imaxes verá a lus no xornal dixital

Desde hai arredor de tres décadas, Xaquín Soliño asiste á historia do nacionalismo coa súa cámara. Actos políticos, festas ou acontecementos foron retratados por quen, sen dúbida, ten o arquivo máis completo do nacionalismo contemporáneo.

Natural de Cangas do Morrazo e residente en Pontevedra, Xaquín Soliño leva participando desde ben novo no nacionalismo galego organizado e a súa querencia pola fotografía levouno a retratar o acontecer dos últimos trinta anos do nacionalismo, con actos reivindicativos e tamén institucionais, deixando constancia do seu transcorrer recente.

A cámara de Soliño garda a memoria das grandes mobilizacións dos nosos tempos nas que o nacionalismo tomou parte, desde a oposición á OTAN ao Nunca Máis contra o Prestige pasando pola protesta xa de longa duración contra a fábrica de Celulosa ou a defensa da normalización da nosa lingua . Moreas de actos sociais e culturais foron tamén obxecto das súas tomas, de maneira moi especial, os concertos de Lluis Llach, de quen se confesa "adicto". 

Neste primeiro Día da Patria Galega de Sermos Galiza o xornal mira para atrás para recuperar as imaxes da tradicional mobilización do 25 de xullo, no seu percorrido desde a Ferradura á Quintana, cando os nacionalistas conseguiron ocupar a Quintana recuperarndo as súas propias referencias históricas . Trazaríase entón un percorrido para a reivindicación que continúa a ser o mesmo que o deste 2012 no que Xaquín Soliño volverá, máis unha vez, a Compostela a retratar a saída da Ferradura e os discursos da Quintana, pasando polos milleiros de persoas que cada ano quedan inmóbiles nas súas imaxes. Desde o branco e negro dos negativos revelados ate o dixital de hoxendía, o álbum de Xaquín Soliño recolle o clarexamento dos cabelos e as calvicies que coroan as cabezas de moitas persoas que participaron destes trinta anos pero tamén deixa ver as novas xeracións de mozas e mozas que se incorporaban a cada ano. 

Desde Sermos Galiza queremos facer público o noso recoñecemento á xenerosidade de Xaquín Soliño por ter aberto os seus cartafois para que nós os compartamos con todos os lectores e as lectoras de Sermos Galiza. 

Comentarios